Site icon Crónica3.com A Mariña

A A.C. Francisco Lanza organiza diversas actividades sobre a pintura de Xusto Moreda

Ribadeo, 30 de agosto, 2023. A A.C. Francisco Lanza organiza diversas actividades sobre a pintura de Xusto Moreda, que se van desenvolver desde o sábado 16 ao sábado 30 de setembro na Sala de Exposicións do Parque de San Francisco, en Ribadeo. Ao longo desas tres fins de semana realizaranse unha serie de actos complementarios sobre a figura de Xusto Moreda.

Esta actividade é organizada pola A.C. Francisco Lanza, en coordinación con Nicolás Fernández García (xestor do legado artístico de Xusto Moreda).

PROGRAMA

SALA DE EXPOSICIÓNS
DO PARQUE DE SAN FRANCISCO
Do 16 ao 30 de setembro
Horario de apertura: de 6 a 9 da tarde

ACTOS:

RECITAL POÉTICO EN HOMENAXE A XUSTO MOREDA
(Ánxeles Penas, Manuel Lourenzo, Marica Campo, Toni Deaño, Miguel Mato Fondo, Xavier R. Baixeras, Miguel Anxo Fernán-Vello, Eva Veiga)
Sábado 16. 20,00
Teatro de Ribadeo.

MESA REDONDA:
A OBRA DE XUSTO MOREDA
(Celia Castro, Francisco Díaz-Fierros, Myriam Goluboff. Modera: Pablo Villapol)
Sábado 23. 20,00
Salón de actos da Casa do Mar.

ACTO DE CLAUSURA
Sábado 30. 20,00
Sala de Exposicións.
Parque de San Francisco.
Poemas de despedida e actuación musical a cargo de Eiros&Varela

Xusto Moreda Pérez foi un pintor, escultor e artista plástico nado en Ribadeo (Lugo), o 25 de novembro de 1935. O seu pasamento tivo lugar o 30 de xullo de 2022 en Ribadeo.

Biografía

Fillo de Justo Moreda Díaz e Pura Pérez Salvatierra, pasou a súa infancia e primeira xuventude en Ribadeo, lugar moi presente na súa obra, protagonizando moitos dos seus cadros.

Ós 17 anos comezou a pintar, e un ano despois deu comezo aos estudos preparatorios para Medicina en Santiago de Compostela. Abandonounos para dedicarse de cheo á súa vocación artística e, ante a oposición paterna, viuse na obriga de abandonar Ribadeo. Estableceuse na Coruña, e alí comezou a traballar para manterse e poder continuar así coa súa paixón, a pintura. Nesa cidade coñece a Lourdes Dans, con quen acabará casando. Lourdes Dans ensinaríalle a traballar a cerámica, e o esmalte de xoiería, actividades plásticas que Moreda abandona tras a morte da súa dona. Tras esta etapa abre, con Nicolás Fernández García, unha galería de arte na cidade.
Politicamente, definiuse el mesmo como comunista; e no relixioso, como ateo.

Obra

Foi moi coñecido nos círculos culturais galegos. A súa obra artística, na que destaca a obra pictórica, refírese con preferencia ao surrealismo, o cubismo e, en particular, o fauvismo.

Nas décadas de 1980 e 90 desenvolve unha grande produción artística. A esta época pertencen os seus retratos, de xeito predominante femininos, asimétricos, coloridos e cheos de paixón. A contraste de cores foi unha constante na súa obra. A súa etapa de pintura de paisaxes, moitos deles de Ribadeo, ten unha clara influencia fauvista.

Moitos escritores interpretaron as súas pinturas. De Manuel Lourenzo a Antón Avilés de Taramancos, pasando por Miguel Anxo Fernán-Vello, Xavier Rodríguez Baixeras ou García-Bodaño entre outros.

Exposición homenaxe a Xusto Moreda

Con esta exposición, a Agrupación Cultural Francisco Lanza, contando co constante asesoramento de Nicolás Fernández García, coñecedor da súa obra e depositario da mesma, quere render homenaxe a un ilustre ribadense poñendo a súa obra ao alcance das súas veciñas e veciños, dos seus amigos e amigas que, de seguro, teñen percorrido con el os camiños das parroquias lindantes coa vila, as rúas de Ribadeo e as diferentes etapas da vida que foron corando o mundo de Xusto Moreda que despois se viu reflectido na súa obra.

Esta exposición é posíbel grazas a colaboración do Concello de Ribadeo, a través da súa área de Cultura,, así como da Deputación Provincial de Lugo, Vicepresidencia-Área de Cultura.

Exit mobile version