Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputación leva o espectáculo Mil maxias máis, do Mago Antón, a O Valadouro

Lugo, 10 de agosto de 2023. A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo leva o espectáculo “Mil maxias máis” do Mago Antón a Meira, O Valadouro, Sarria, Guitiriz e Becerreá ao longo do mes de agosto.

O Mago Antón chegará as vilas nas que actúa no magomobil, un vehículo preparado para o desenvolvemento do espectáculo e con capacidade para 70 espectadores. En cada lugar, fará cinco funcións diarias de 45 minutos cada unha, adaptándose á demanda.

A deputada de Cultura Iria Castro indicou que “esta xira comeza mañá venres en Meira, ampliando a programación das festas patronais, e continuará durante o mes de agosto no Valadouro, Sarria, Guitiriz e Becerreá” e explicou que “a programación amplía e diversifica a axenda cultural nas distintas comarcas, cun espectáculo para público familiar en galego”.

Sinopse

A maxia en esencia é un xogo e con ela podemos facer que as palabras aparezan, desaparezan, se transformen ou mesmo leviten diante dos nosos propios ollos. Nesta proposta máxico-teatral non faremos trucos de mans, non desviaremos a atención, non faremos aparecer coellos. Faremos maxia da boa a partir das nosas palabras, da nosa historia, do noso patrimonio cultural material e inmaterial.

“Mil maxias máis” é un espectáculo de maxia dirixido ao público familiar para poñer en valor a nosa lingua utilizando xogos orixinais creados polo mago Antón coa finalidade de facer que os espectadores lembren a importancia que ten a palabra en galego. Os espectadores verán aparecer por arte de maxia e con todo o seu valor simbólico: landras, amorodos, lóstregos, bolboretas e moitas, moitas vasoiras para que todos e todas poidamos voar coa maxia do mago Antón e a da nosa lingua.

O continente deste espectáculo é un teatro sobre rodas: o magomóbil. Trátase dun vehículo expresamente deseñado para a presentación de espectáculos de maxia de cerca e de salón. Entrar no magomóbil para presenciar “Mil maxias máis” será como abrir un libro de marabillas, entrar nun mundo fascinante onde todo xira arredor da maxia da palabra. Mil maxias para mil primaveras.

Datas e horarios

Día: 11 de agosto
Concello: Meira
Funcións: 13:00 horas 18:00 horas 19:00 horas 20:00 horas 21:00 horas
Ubicación: Praza do Concello

Día: 12 de agosto
Concello: O Valadouro
Funcións: 17:00 horas 18:00 horas 19:00 horas 20:00 horas 21:00 horas
Ubicación: Praza Santa Maria

Día: 13 de agosto
Concello: Sarria
Funcións: 13:00 horas 18:00 horas 19:00 horas 20:00 horas 21:00 horas
Ubicación: Praza da Vila

Día : 15 de agosto
Concello: Guitiriz
Funcións: 13:00 horas 18:00 horas 19:00 horas 20:00 horas 21:00 horas
Ubicación: Praza do Campo da Feira

Día: 25 de agosto
Concello: Becerrea
Funcións: 13:00 horas 18:00 horas 19:00 horas 20:00 horas 21:00 horas
Ubicación: Aparcamento do Concello

Exit mobile version