Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta concede 20.000 euros ao Concello do Vicedo para a mellora exterior dun inmoble municipal destinado a usos sociais

O director do Instituto de Estudos do Territorio visitou o inmoble no que se vai actuar

O Vicedo, 10 de agosto de 2023. A Xunta de Galicia concedeu 20.000 euros ao Concello do Vicedo para a mellora exterior dun inmoble municipal destinado a usos sociais, ao abeiro da orde de axudas do Goberno galego para a corrección de impactos paisaxísticos.

Durante unha visita que realizou hoxe ao edificio no que se levará a cabo a actuación, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, salientou o compromiso do Concello coa protección da paisaxe ao recorrer a esta liña de financiamento, posta en marcha polo Goberno galego en 2021, para actuacións que permitan corrixir e mellorar o aspecto exterior de vivendas, edificios e equipamentos públicos municipais deteriorados polo paso do tempo e por unha insuficiente conservación.

Deste xeito, segundo explicou o director do IET, que estivo acompañado do alcalde da localidade, Jesús Novo, a intervención prevista consistirá na reparación do soporte e novo revestimento dos paramentos de fachada da antiga escola de Riobarba, hoxe destinada a local social.

Así, levarase a cabo a limpeza de fachada mediante equipo de lanza de auga, a reparación de defectos superficiais mediante morteiro tendido e a aplicación de pintura plástica sobre paramentos verticais. Ademais, efectuarase un tratamento superficial de protección para a consolidación e o selado do revestimento absorbente deteriorado, mediante imprimación incolora, a base de resinas acrílicas en dispersión acuosa.

Cómpre lembrar que a Xunta concederá este ano 1 millón de euros en axudas a preto de medio cento de concellos para apoialos no financiamento de máis de 60 obras e actuacións que contribúan a mellorar a imaxe exterior de edificios públicos, equipamentos e outros elementos e instalacións de titularidade municipal, reducindo deste xeito o impacto paisaxístico que poden causar sobre a contorna.

No caso da provincia de Lugo, beneficiaranse desta convocatoria un total de 11 concellos -A Pontenova, Alfoz, Baralla, Begonte, Bóveda, Folgoso do Courel, Guntín, Mondoñedo, O Incio, O Vicedo e Trabada- por un importe total de 215.000 euros.

Exit mobile version