Site icon Crónica3.com A Mariña

Alex García, cedido do Noia, é a última incorporación á plantilla do Pescados Rubén Burela FS

Burela, 31 de agosto, 2023. Alejandro García Muñoz, Álex García, chega cedido do Noia Portus Apostoli para completar o equipo formado polo adestrador santiagués, David Rial, para esta próxima tempada 2023/2024 xunto aos 13 xogadores que conforman o cadro mariñán. O manresano de 21 anos fórmase na canteira do Barça durante 6 anos e xoga no filial na tempada 2021/2022. A tempada pasada, 22/23, comeza xogando no U.D. Ibiza pero ficha polo Noia no mercado de inverno. Xogador internacional coa Selección Española sub-17, sub-19 e sub-21 foi campión de Europa sub-19 en setembro do ano pasado, no campionato disputado en Jaen. Outra nova e importante incoporación ao equipo, o á zurdo estará xa á disposición de David Rial para poder debutar este sábado 2 de setembro en Benavente e o vindeiro sábado día 9 podería ser a súa estrea en Vista Alegre fronte a O Parrulo Ferrol.

Manuel Blanco, presidente do CD Burela FS, sabe que é unha boa aposta para o club, “Máis xente nova, outra achega na liña das demais para o equipo masculino deste ano, con forza e enerxía para conseguir chegar aos obxectivos propostos. Campión de Europa coa Selección Española sub19 a pasada tempada, é un xogador de gran calidade a pesar da súa mocidade e vaise adaptar ben ao conxunto que formamos para este ano. Esperamos que aporte “gol” ao equipo, dar ao ataque outro reforzo, sobre todo tendo en conta as baixas de Pitero e Rikelme, durante estes primeiros meses nos que arrinca a competición. Creo que temos un equipo moi competitivo para esta próxima tempada.”

O xoven xogador catalán chega coa ilusión e ambición de poder xogar e aportar o máximo a un equipo ao que segue, “Do Burela interesáronme os seus obxectivos, pero tamén a súa traxectoria, é un club ao cal sigo. O ano pasado quedou ás portas de subir tras unha tempada excelente”. Sobre o que espera aportar e levar deste próximo ano en Burela, “Espero aportar as miñas cualidades ao máximo, o esforzo e o traballo diario. E levarme experiencia, coñecementos e, sobre todo, bos momentos co equipo, co club e a afección”. Sobre os seus obxectivos persoais e en equipo para a próxima tempada, “Os obxectivos que me marco é primeiro de todo tentar superar o realizado a tempada anterior, mellorar en todos os aspectos posibles. E obviamente conseguir levar a este club onde merece estar, que é Primeira División”. E deixa unha mensaxe á Familia Laranxa, “Estou desexando poder desfrutar de todos vós, coñecervos e vivir un partido sentindo o voso apoio ao máximo, que sei que sempre o dan. É un pracer formar parte deste club”.

Exit mobile version