Site icon Crónica3.com A Mariña

Arias informa no Valadouro que a Xunta achega case medio millón de euros a 20 aloxamentos e restaurantes lucenses para mellorar as súas instalacións

O Valadouro, 9 de agosto de 2023. A Xunta, a través da Axencia de Turismo de Galicia, concedeu axudas que suman case medio millón de euros a vinte establecementos de aloxamento e restauración da provincia de Lugo para mellorar as súas instalacións.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, visitou hoxe un dos negocios beneficiarios, o hotel Vila do Val do municipio do Valadouro, establecemento distinguido coa Q de calidade turística, para coñecer as actuacións de renovación de equipamento e mobiliario realizadas con cargo a esta liña de achegas.

En total, as subvencións chegan a 12 instalacións de aloxamento -hoteis, hoteis balneario, pensións, albergues, establecementos de turismo rural e apartamentos turísticos – e a oito restaurantes. Están situados en quince concellos repartidos por toda a provincia: Lugo -tres deles -; Sarria (dous); Foz (dous); Ribadeo (dous); Barreiros, Viveiro, O Valadouro, Pantón, Sober, Bóveda, Vilalba, Begonte, Guitiriz, Abadín e A Fonsagrada.

O obxectivo principal destas axudas é incentivar a mellora das instalacións e infraestruturas destes establecementos co fin de consolidar unha oferta turística de calidade. As achegas cobren tanto obras de acondicionamento como a adquisición de equipamento ou mobiliario.

Dixitalización

Arias tamén informou de que Turismo de Galicia resolverá proximamente a liña de subvencións para o sector destinada á promoción da dixitalización, que conta con 1,5 M€ de orzamento. O prazo de presentación de solicitudes rematou esta semana.

A finalidade deste programa é impulsar o desenvolvemento tecnolóxico e o proceso de transformación dixital das empresas turísticas a través da incorporación de solucións dixitais aos seus establecementos, servizos e procesos, coa finalidade de mellorar a súa competitividade.

Exit mobile version