Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 50 persoas participan desde este mércores en Ribadeo no XII Fórum de Innovación e Formación sobre vehículos, que organiza Apaga

Ribadeo, 30 de agosto de 2023. Esta mañá deu comezo en Ribadeo o XII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que organiza Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia). No acto de inauguración ante os máis de 50 participantes interviron o presidente de Apaga, Álvaro Doural, a xefa territorial de Educación, Sagrario Sánchez, a deputada responsable da Área de Economía da Deputación de Lugo, Mayra García, e o alcalde de Ribadeo, Dani Vega.  Charlas polas mañás e talleres polas tardes conforman o programa deste Fórum que se prolongará ata o vindeiro venres, 1 de setembro.

Doural dixo que “este Fórum non é soamente un lugar de discusión e reflexión senón tamén unha plataforma de colaboración e intercambio de ideas. Como noutras edicións, quero agradecer a colaboración das institucións públicas aquí representadas e ás firmas privadas tamén o seu aporte tanto na parte económica como de técnicos que participan neste evento”.

A nova xefa territorial de Educación, Sagrario Sánchez, subliñou “o incremento na matrícula da FP nun 12%, chegamos a ter máis de 60.000 matriculados, un 75% máis que no ano 2009”. E tivo palabras de agradecemento para o profesorado asistente a esta cita en Ribadeo: “mil grazas por todo o voso traballo. Estamos moi agradecidos; que vos vou dicir eu que son profesora e moito ánimo. Para todo o que necesitedes aquí nos tedes”.

A responsable da área económica da Deputación de Lugo, Mayra García, felicitou a Apaga pola organización deste XIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos: “xa que ano tras ano é capaz de realizar estas xornadas que son tan interesantes porque o sector automobilístico está sufrindo unha renovación moi importante e por acadar este tipo de xornadas que son tan interesantes tanto a nivel nacional como internacional. Dende a Deputación de Lugo, como sabedes colaboramos, co tecido asociativo tanto a nivel social como profesional neste caso. E agardamos que aproveitedes moito estas xornadas”.

No Fórum de Apaga participan máis de 50 persoas procedentes de Madrid, Asturias, Zamora, León e de toda Galicia. O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, fixo fincapé na necesidade da formarse para acadar un emprego: “el Fórum de Apaga está creciendo y renovándose. Eso significa que si queremos empleo, estabilidad laboral, crecimiento en los pueblos, … tenemos que formarnos. La formación es clave en los próximos años. La formación en automóvil y en otras ramas en las que tenemos carencias. Por lo tanto, si sabemos perfectamente lo que nos exige o nos demanda los próximos años, la formación es clave. Si queremos dar salida laboral a muchas personas, que entiendo que su vocación es el trabajo, la formación es clave”.

Para as 20:30 horas de hoxe está prevista unha recepción no Concello de Ribadeo. As charlas e os talleres seguirán ata o vindeiro venres, 1 de setembro. Tamén se celebrará a asemblea anual de Apaga e haberá unha ponencia sobre os proxectos das mobilidades Erasmus a Estonia e Italia e nas que participaron alumnado e profesorado. Os asistentes ao XII Fórum de Apaga gozarán mañá dunha viaxe en barco desde Ribadeo ata Ría de Abres, onde saborearán unha merenda campestre.

Exit mobile version