Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo adopta medidas urxentes por mor da seca. O alcalde, Dani Vega, ven de asinar un novo bando no que insta ás empresas e industrias a facer un uso razoable

Ribadeo, 17 de agosto de 2023. O Concello de Ribadeo adopta medidas urxentes por mor da seca. O alcalde, Dani Vega, ven de asinar un novo Bando no que insta ás empresas e industrias a facer un uso razoable da auga e no que se prohibe encher as piscinas, regar, baldear ou limpar vehículos e fachadas.
O rexedor dixo que “todos os días estamos facendo unha análise da situación da auga por mor da seca. Nos próximos días vai empeorar e debemos adoptar medidas de urxencia. A Mesa da Auga estanos trasladando que debemos adoptalas xa que temos problemas no nivel do río Eo, no entorno da captación de Vilarbetote, o que deu lugar a que exista tamén un escenario de escaseza de recurso de dita captación. E así tamén en Lexoso hai xa días que temos ese problema”.

Vega subliñou que “temos unha verdadeira escaseza de auga e debemos adoptar medidas. Dende a Xunta de Galicia estannos asesorando e tamén da empresa concesionaria”.

O alcalde de Ribadeo indicou que “neste Bando explicamos ditas restricións: en primeiro lugar todos debemos prestar especial atención á detección de fugas e avarías nas vivendas e adoptar medidas de aforro de auga doméstica; vamos prohibir o uso da auga procedente da rede de abastecemento municipal para o enchido de piscinas, regas, baldeos, limpeza de vehículos e fachadas; e ínstamos ás empresas e ás industrias ao uso razoable da auga procedente do abastecemento municipal tendo en conta que o uso prioritario é o do subministro á poboación”.

Dani Vega engadiu que “tendo en conta todas estas medidas debemos ter unha conciencia de cumprimento da normativa. É un bando para cumprir, non simplemente unha redacción, porque quere poñer solución a un problema grave que temos e que entre todos debemos ir solucionando. Nos próximos días non vamos mellorar e vamos ter que seguir adoptando medidas. Por iso entre todos vamos cumprilas e ser responsables no uso da auga”.

Exit mobile version