Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro esixe de novo a Portos de Galicia que autorice as obras na rúa Porto de Celeiro

A alcaldesa, María Loureiro, recorda que o Concello solicitou a autorización no mes de marzo

Viveiro, 22 de agosto de 2023. O Concello de Viveiro reitera a Portos de Galicia a solicitude feita no mes de marzo para que a administración autonómica autorice as obras de humanización na rúa Porto de Celeiro.

Nun escrito remitido a Portos de Galicia, organismo dependente da Xunta, a alcaldesa María Loureiro expón que o proxecto de pavimentación e servizos desta rúa inclúe unha actuación na zona portuaria. Por iso, para executar as obras, é necesario contar coa dispoñibilidade dos terreos titularidade desa entidade, sendo preciso, polo tanto, asinar un convenio entre o Concello de Viveiro e Portos de Galicia.

“O Concello de Viveiro remitiu a solicitude para formalizar este convenio ou o documento que corresponda o 8 de marzo, para ter así autorización de Portos de Galicia para realizar as obras. A día de hoxe seguimos esperando a que Portos de Galicia nos envíe o documento”, sinala Loureiro.

O proxecto abarca unha zona moi ampla entre o tramo dende a Praza do Náufrago ata a Casa do Gardapeiraos. Neste sentido, o Goberno local logrou o apoio da Deputación de Lugo, que aportará a este proxecto un total de 544.000 euros. O Concello de Viveiro asumirá o importe restante do proxecto.

“Xa contamos co financiamento necesario para a obra, pero estamos esperando dende o mes de marzo pola autorización de Portos de Galicia. Esta obra é imprescindible para mellorar a mobilidade dos veciños e veciñas de Celeiro, que manterá a esencia mariñeira da zona e renovará os servizos da área”, engade a rexedora.

Exit mobile version