Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz pide a creación dunha comisión de investigación para clarexar que sucedeu realmente co abastecemento de auga potable

O voceiro popular en Foz amosa a súa ledicia porque por fin se solucionase o problema de abastecemento de auga potable que tantos danos xerou ao comercio local, ás familias e turistas da vila

Foz, 11 de agosto de 2023. Unha vez solucionado o problema co abastecemento de auga potable en Foz, algo do que se alegran no Grupo Municipal Popular, o voceiro do PP, Javier Castiñeira, anunciou que pedirán a creación dunha comisión de investigación para clarexar que sucedeu exactamente e se procede interpoñer algunha reclamación ante a empresa concesionaria do servizo.

Javier Castiñeira explica que tamén sería necesaria a contratación dunha consultora externa para que analice as razóns que esgrime a empresa concesionaria do servizo e estudar se procede reclamar algún tipo de dano á mesma, xa que durante todos estes días as familias focenses, os turistas e os comercios “estiveron nunha situación moi complicada que danou enormemente a imaxe da vila”.

“Falamos de moitos negocios e familias que tiveron que mercar auga a diario para facer a súa vida cotiá. Moitos problemas que tiveron que sortear na semana máis concorrida do concello polo que en aras á pouca información que se ofreceu queremos unha comisión de investigación é, se procede, reclamar á empresa os danos que sexan precisos”, sentenciou.

Exit mobile version