Site icon Crónica3.com A Mariña

“Vicente Castelo: libertario, xornalista, educador popular, veciño….”, este venres nas Xornadas “Memoria dun Tempo”

O Vicedo, 24 de agosto, 2023. “Anarquista solidario e integrador”. Así deste xeito cualificaba Manuel Suárez Sandomingo nun dos seus textos á persoa que será protagonista da segunda sesión das XIII Xornadas “Memoria dun Tempo” organizadas por Nordés, a asociación polo Desenvolvemento das Terras da Faladora, e que non é outro que Vicente Castelo García, falecido no 1999, pero que deixou unha pegada profundo no corazón do pobo de Loiba, o que levou a Nordés a organizar este acto na súa lembranza.

Para a ocasión contarase coas intervencións de Eliseo Fernández, historiador experto no tema do anarquismo en Galiza; Tucho Calvo, xornalista e escritor, quen coñeceu e compartiu tempo e conversas con Vicente Castelo; Manuel Suárez Sandomingo, pedagogo e escritor tanto de obras sobre pedagoxía como biográficas e históricas, e que tratou a figura de Castelo en “Orteganos Ilustres”, actuando de mestre de cerimonias Bernardo Penabade, profesor, dinamizador cultural e membro de Nordés.

O acto, baixo o título de “Vicente Castelo: libertario, xornalista, educador popular, veciño…” terá lugar no Centro Social de Loiba dende as 19:30 horas, e estará aberto á participación dos asistentes ao ser un dos obxectivos deste encontro o de compartir espazo, tempo e conversa na lembraza do noso persoeiro, e que rematará coa colocación dunha plaquiña na lápida da tumba onde están os seus restos como testemuña de respecto e agarimo de Nordés e a veciñanza de Loiba.

Exit mobile version