Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aglomera estes días o último tramo da estrada provincial de Momán ás Pontes

Os traballos forman parte dun proxecto de renovación da vía que conta cun orzamento de 300.000€, e afectan ao treito que comprende dende o punto quilométrico 8,340 ao 9,802, co que a institución completará o acondicionamento total da LU-P-2204

Lugo, 14 de setembro de 2023. A Deputación de Lugo está aglomerando estes días o último tramo da estrada LU-P-2204, que une o núcleo de Momán, en Xermade, coas Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña. A actuación afecta ao treito que discorre entre os puntos quilométricos 8,340 e o 9,802, e completará o acondicionamento desta vía, quedando así renovada na súa totalidade.

A empresa encargada dos traballos, que teñen un orzamento para o total do proxecto de 300.000€, é Francisco Gómez y Cía, S.L. A vía xa foi ampliada ata os 7 metros de ancho, fixéronse os labores de drenaxe e afirmado, e agora están coa pavimentación. As obras rematarán coa sinalización neste treito de algo máis dun quilómetro e medio.

Está previsto que os labores de aglomerado se prolonguen ata mañá venres se as condicións meteorolóxicas son favorables. Están habilitados desvíos para causar o menor prexuízo aos usuarios e usuarias desta estrada provincial.

A actuación corresponde á fase final das obras de rehabilitación da estrada e súmanse ás que xa finalizou a institución provincial entre o quilómetro 7 e 8,340 cun orzamento de 281.120€ e ás xa acometidas dende o inicio da vía ata o quilómetro 7, cun investimento próximo ao millón de euros. Polo tanto, o investimento total destinado pola Deputación para mellorar esta vía suma 1,5M€.

Esta estrada provincial soporta a diario unha grande densidade de tráfico, ademais de ser unha vía estratéxica porque vertebra o concello de Xermade e toda esta parte da provincia. Ademais, é a ruta máis curta para os desprazamentos a Santiago de Compostela e aos aeroportos da veciñanza deste municipio chairego.

Exit mobile version