Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputación inviste 74.200 euros na renovación do hangar de piraguismo de Ribadeo

Lugo, 21 de setembro de 2023. O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes Efrén Castro reiterou ao alcalde de Ribadeo Daniel Vega o compromiso, xa público, de financiar a renovación do hangar de piragüismo de Ribadeo.

A área de Deportes achegará 74.200 euros á renovación das instalacións municipais, asumindo case integramente o custe das obras de reforma e ampliación, orzamentado en 75.000 euros.

A Vicepresidencia da Deputación mantén así o acordo acadado co anterior goberno municipal e co Club Altruán, usuario das instalacións, que tamén conta co colaboración da área de Deportes para o desenvolvemento da súa actividade competitiva e de promoción do piragüismo

O proxecto de reforma e ampliación do hangar de piraguismo supuxo unha renovación integral das instalacións nas que se reforzou a estrutura construtiva, se compartimentou o almacén de piraguas e se instalaron vestiarios.

O alcalde, Dani Vega, fai unha valoración moi positiva do encontro mantido esta mañá co vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro

Na xuntanza ambas administracións buscaron unha solución para o hangar de piragüismo.
O rexedor dixo que “a reunión que tivemos co vicepresidente da Deputación foi cordial, con espírito construtivo e con ganas de solucionar as cousas. Nos valoramos a xuntanza como moi positiva”.

Vega subliñou que “hai ganas de solucionar as cousas, hai ganas por parte do Concello tamén de xestionar e de que a Deputación siga colaborando con Ribadeo como veu facendo ata o de agora. A institución provincial tiña como obxectivo Ribadeo e agardo que siga con ese espírito construtivo e de colaboración económica. Por parte do Concello as portas abertas, dámoslles as grazas porque nos acolleran no día de hoxe, porque nos recibira o vicepresidente da Deputación e que tivésemos unha colaboración total e absoluta”.

O alcalde explicou que “o Concello tiña unha preocupación, que era o hangar de piragüismo, que se non lle buscábamos unha solución iamos ter un problema xurídico. Na mañá de hoxe encontramos esa solución, imos solucionar un problema que nos preocupaba e desde logo ese investimento realizado polo Concello de máis de 75.000 euros a Deputación de Lugo vai achegar o que acordou é dicir máis de 74.000 euros. Iso quere dicir que o Concello so terá que poñer 800 euros. Iso é o que se debe facer colaboración entre as administracións. Cada un ten a súa ideoloxía, pero iso non debe confundir nin desvirtuar unha xuntanza, senón todo o contrario, entendernos para servir ás nosas veciñas e veciños, traballar a favor de Ribadeo neste caso”.

Dani Vega indicou que “tamén lle trasladamos outras propostas, que estudarán. Eu creo que as van colaborar. Teño toda a fe e toda a esperanza en que a Deputación siga mantendo a mesma colaboración económica, que viñan facendo ata o de agora con Ribadeo”.

Insistiu en que a reunión de hoxe foi positiva: “na que houbo unha colaboración absoluta e a partir de aí ten que haber máis colaboración e máis xuntanzas coa Deputación de Lugo, que iremos solicitando co paso do tempo”.

O BNG de Ribadeo agradece á Vicepresidencia da Deputación de Lugo o compromiso co financiamento das obras

O voceiro municipal Pablo Vizoso puxo en valor o traballo feito “polo anterior goberno municipal nun proxecto para o que atopamos a plena colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e que permitiu a renovación completa destas instalacións, fundamentais para o piraguismo ribadense.

Pablo Vizoso remarcou que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo asumirá a práctica totalidade do investimento, 74.200 dos 75.000 euros destinados ao proxecto de reforma e ampliación do hangar, no que se instalaron vestiarios, se renovou a zona de almacén das embarcacións e se fixeron diversas melloras para impermeabilizar o edificio.

Exit mobile version