Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inicia este luns traballos de mellora e mantemento no camiño de acceso ao Fuciño do Porco, no Vicedo

O delegado territorial, Javier Arias, explica que está previsto realizar o groso das actuacións a vindeira semana, polo que o paso estará pechado ao público de luns a venres para facilitar a execución das obras en condicións de seguridade

Lugo, 7 de setembro de 2023. A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda inicia o vindeiro luns traballos de conservación e mantemento no camiño de acceso ao Fuciño do Porco, no concello do Vicedo, aos que destina un orzamento de 36.100 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explica que está previsto realizar o groso das obras a vindeira semana, polo que o paso estará pechado ao público de luns a venres para facilitar a execución dos traballos en condicións de seguridade.

Escolleuse esta data para garantir a mínima afección aos visitantes, xa que está fóra do período de xullo e agosto, cando se rexistra maior afluencia, pero a climatoloxía aínda é propicia para facer a intervención.

Os traballos previstos consisten na limpeza de cunetas e recuperación da drenaxe tanto lonxitudinal como transversal das augas que chegan ao camiño para evitar o seu deterioro; así como recuperación das superficies de rodadura do propio camiño e do aparcamento intermedio. Tamén se traballará na estabilización do treito final, máis próximo aos cantís.

Igualmente, a Xunta mellorará a sinalización deste espazo protexido, pertencente á Rede Natura 2000, co fin de ordenar o seu uso -os fluxos de persoas e vehículos – e divulgar os valores de patrimonio natural e biodiversidade presentes na zona. Para iso, xa se encargou a sinalización e deseñáronse os carteis que se colocarán nas vindeiras semanas.

Esta mellora beneficiará tanto ao público en xeral como aos axentes facultativos medioambientais da Xunta que se desprazan por esta área de especial riqueza e protección para desenvolver as súas funcións.

Exit mobile version