Site icon Crónica3.com A Mariña

CCOO denuncia falta de persoal na residencia de maiores San Rafael de Mondoñedo, xestionada por Mensajeros de la Paz

Desde o mes de xuño están «baixo mínimos» e hai quendas con dúas xerocultoras para 47 residentes; así mesmo, o centro non conta co persoal de enfermaría esixido pola normativa aplicable

Mondoñedo, 14 de setembro, 2023. Comisións Obreiras (CCOO) denuncia falta de persoal na residencia de maiores San Rafael, en Mondoñedo, xestionada pola entidade Edad Dorada-Mensajeros de la Paz. Segundo o sindicato, desde o mes de xuño están «baixo mínimos» e isto provoca unha sobrecarga de traballo. Como exemplo desta situación, hai quendas en que unicamente dúas xerocultoras deben atender 47 residentes.

A causa é que Mensajeros de la Paz non está a substituír as persoas que se atopan de baixa nin tampouco as que gozan das súas vacacións. Alén disto, o centro non conta co persoal de enfermaría obrigatorio que esixe a normativa, pois só unha persoa traballa de luns a venres, en horario de mañá, quedando a descuberto as restantes quendas.

A falta de persoal obriga as empregadas e empregados do centro a asumiren máis traballo e a se expoñeren a máis riscos laborais, tanto físicos como psicosociais, provocando o que se coñece como síndrome do traballador ou traballadora queimada (burnout).

Comisións puxo esta situación en coñecemento da empresa e mais da Consellaría de Política Social —que ten as funcións de inspección destes centros—, «dando ambas as dúas a calada por resposta»

Exit mobile version