Site icon Crónica3.com A Mariña

Diferentes cociñas do mundo preparan pratos con Merluza D& Burela en Madrid

Burela, 12 de setembro, 2023. O ‘Kitchen Club Ourense’ de Madrid acolleu este martes un showcooking guiado por catro recoñecidos cociñeiros galegos con diferentes receitas para saborear a ‘Merluza D& Burela’ nas súas versións máis tradicionais e vangardistas, presentando tamén pratos inspirados noutras cociñas do mundo, como a asiática ou a mexicana, e demostrando a versatilidade deste produto en canto a formas de elaboración.

Abriu a xornada Sergio López, xerente da OPP-7 do Porto de Burela, que deu a benvida a todos os participantes e ademais fixo unha presentación das principais campañas de promoción realizadas nos últimos anos con márcaa ‘Pescada D& Burela’.

Puxo en valor a importancia do Porto de Burela, que este ano celebra o seu centenario, e explicou os diferentes tipos de frotas socias da OP, poñendo o acento na ecoetiqueta ‘Pescaenverde’ que converte á frota de altura de Burela, que captura a pescada do pincho, na primeira certificada polo seu baixo impacto ambiental. E finalmente presentou pezas dalgunhas das principais accións e campañas de promoción de ‘Merluza D& Burela’ e ‘Peixe de Burela’.

A quenda dos fogóns abriuno o chef Miguel F. Vidal, do restaurante Morgana, que cociñou a pescada do pincho de Burela cun toque mex na súa receita «Merluza D& Burela con salsa verde mexicana e encurtidos».

A continuación, o cociñeiro Daniel López, do restaurante O Camiño do Inglés, elaborou a súa «Merluza D& Burela fritida estilo chinés con kimchi salteado con manteiga e pilpil de allo e citronella» achegando este produto da lonxa de Burela á cociña asiática.

Iván Domínguez, chef do restaurante NADO, ofreceu a receita «Merluza D& Burela en caldo curto» como exemplo dunha cociña máis tradicional pero igualmente espectacular e saborosa.

Finalmente, o chef Iñaki Bretal, do restaurante Eirado da Leña, sorprendeu ao poñer o broche final co seu «Bombón de Merluza D& Burela» como mostra dunha cociña máis vangardista.

Todos os asistentes, entre os que se atopaban numerosos xornalistas e creadores de contido relacionados co universo gastronómico, ademais de representantes de diferetes entidades pesqueiras a nivel nacional, puideron degustar cada unha destas elaboracións vivindo unha experiencia gastronómica “mundial” e viaxando co seu padal por diferentes cociñas do mundo tendo como orixe común a lonxa de Burela.

Esta acción está cofinanciada por Xunta de Galicia e FEMPA, incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a unha información clara e completa.

Exit mobile version