Site icon Crónica3.com A Mariña

“Dous anos entre vós e para vós”, Mensaxe do bispo diocesano co gallo do aniversario da súa ordenación episcopal e toma de posesión como bispo de Mondoñedo-Ferrol

Mondoñedo-Ferrol, luns 4 de setembro de 2023. Hoxe hai dous anos que fun consagrado bispo de Mondoñedo-Ferrol na catedral mindoniense. Ao mirar cara atrás e cara adiante acoden a min diferentes sentimentos que me gustaría compartir convosco. En primeiro lugar, a rapidez coa que pasa a vida. É case como un suspiro, como tantas veces dicimos. Unha rapidez que sente máis pola intensidade coa que pasei este tempo, de aquí cara alá, uníndome a tanta vida como me atopei nesta Igrexa diocesana. Sabedes que entendo a miña tarefa de bispo como un servizo que conleva despoxo dun mesmo e dos seus proxectos para alentar, animar, avivar, acompañar, apoiar, amar todo o que se fai por encarnar o evanxeo de Xesús nesta terra e neste tempo. Iso deriva en que queira aprender e vivir convosco e entre vós, ademais de para vós.

Un segundo sentimento é o de agradecemento. Neste día tamén eu exclamo co salmista: “O Señor estivo grande connosco e estamos alegres” (Salmo 125); “Tocoume un lote fermoso, encántame a miña herdade” (Salmo 145). Son pregarias que hoxe elevo dunha maneira especial desde a sinceridade do meu corazón. Certamente son consciente das dificultades desta Igrexa de Mondoñedo-Ferrol. Creo que a coñezo bastante ben. Cada domingo compartino cun irmán sacerdote, participando con el nas súas comunidades. Sei da fraxilidade e debilidade coas que nos atopamos nesta Igrexa de periferia. Pero miro sobre todo as posibilidades e confío no Señor que nos envía á misión coa forza do seu Espírito que todo o pode e nunca defrauda.

Un terceiro sentimento reina no meu corazón neste día. É o de fraxilidade ante a tarefa que nos agarda. Como o primeiro día, sinto unha vez máis a debilidade da miña persoa, das miñas calidades, para levar adiante a tarefa. Sempre fun consciente diso, pero agora, máis que nunca, vexo de preto os problemas e que teño demasiadas carencias en todas as ordes para afrontar o ministerio que o Señor me encomendou. Tamén vós irédelas descubrindo. Sen dúbida, a realidade supera as expectativas.

Como afrontar este reto? Conto para iso con dúas axudas imprescindibles. Por suposto, o Espírito do Señor que anima e fortalece a miña debilidade. Xunto a iso, a comunidade cristiá, especialmente as persoas dos diferentes consellos (vigairos, arciprestes, consellos de economía, de pastoral, presbiteral), ademais de todos e cada un dos sacerdotes aos que sinto especialmente como os meus colaboradores, xunto á vida consagrada que tanto admiro. Grazas a todos pola vosa proximidade, consello, colaboración, fidelidade… Especialmente grazas a todos os que, dunha maneira sinodal, facédesme chegar dunha forma directa e fraterna as vosas correccións, suxerencias, opinións, consellos…

A todos, de corazón, grazas. Non sabedes o que o agradezo! Como vos dixen no seu momento, o bispo vai aprendendo na escoita e na proximidade, tamén ás veces a base de golpes e de erros. Grazas por perdoar as miñas debilidades e equivocacións, grazas por animarme e axudarme na misión.

Un último sentimento quero compartir convosco: como o primeiro día, a miña ilusión e entrega non se desgastaron para nada. O anel episcopal que cada mañá me poño é signo dese compromiso renovado e actualizado. A encarnación que supón esa alianza é un proceso no que estou firmemente comprometido. Para iso, necesito a vosa axuda. O curso que estamos a piques de comezar é unha boa oportunidade para recrear unha Igrexa outra: a Igrexa comunidade na que todos poidan entrar e que se sitúe na nosa sociedade como signo, profecía, esperanza, luz e fermento. Entre todos, coa axuda do Señor, podemos facelo realidade. Durante este curso, dar vida aos novos arciprestados e ás unidades de pastoral, ademais de animar os ministerios laicais e o diaconado permanente, van centrar a nosa ocupación diocesana. Sen dúbida, unha aventura apaixonante na que che convido a colaborar.

O voso irmán e amigo. Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Exit mobile version