Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez lembra que esta é a última semana para realizar operacións co Bono Cultural Xove

O Bono divídese en 200€ para artes en vivo, patrimonio cultural e artes audiovisuais; 100€ para produtos culturais en soporte físico; 100€ para consumo dixital ou en liña

Lugo, 26 de setembro de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, lembrou esta mañá á mocidade lucense nada no 2005, que o sábado día 30 de setembro é o último día para solicitar á axuda de 400€ que ofrece o Ministerio de Cultura e Deporte para os mozos e mozas de 18 anos, destinando un investimento total de 9.259.600€ para financiar este plan. Tamén adiantou que na mesma data, será o derradeiro día no que os participantes do Bono Cultural Xove do 2022 teñan dispoñible a cantidade para gastar.

Isabel Rodríguez, acompañada do concelleiro de Mocidade e Deportes, Jorge Bustos, e as xerentes da librería Trama, Rosa Suárez e Begoña Cuba, reuníronse para analizar e valorar o acollemento desta iniciativa na súa última semana para os beneficiarios do 2022 e que agora comeza para os do 2023.

Dende o 2022, preto do 50% da mocidade da provincia solicitou a axuda, realizando máis de 4.100 operacións por valor de 163.507 euros. Así mesmo, a subdelegada remarca que a axuda serve para acceder “a cultura libre, aberta e diversa, onde damos a benvida ás novas xeracións adultas a descubrir e interesarse en contidos aos que non accederían sen esta posibilidade”.

Este mes, os primeiros 5.000 mozos e mozas de toda España xa empezaron a recibir as tarxetas, tanto virtuais coma físicas, que lles permitirán facer uso da axuda deste 2023, e irá medrando ata alcanzar a todos os que o solicitaron.

En Lugo, hai máis de 20 establecementos adheridos e as entidades que queiran adherirse aínda están a tempo, o 30 de setembro remata tamén para eles o prazo para inscribirse e pódeno facer na seguinte ligazón:
https://entidades-adheridas.bonoculturajoven.gob.es/.

Os interesados necesitan identificarse dixitalmente a través de Cl@ve ou o Certificado dixital. Poden realizar o trámite persoalmente ou a través da representación dun adulto, para o que é preciso achegar o formulario de representación descargable na páxina web, correctamente asinado polo beneficiario e representante. Unha vez concedida a axuda, o importe total abónase nun único pago, en formato de tarxeta prepago virtual nominal que está vixente durante os doce meses seguintes á concesión. A tarxeta é persoal e intransferible.

Tres categorías para gastar

O Bono Cultura Xove divídese en tres apartados:

– 200 euros para artes en vivo, patrimonio cultural e artes audiovisuais.

– 100 euros para produtos culturais en soporte físico, como libros, revistas, prensa, ou outras publicacións periódicas.

– 100 euros para consumo dixital ou en liña na que entran subscricións e alugueiros a plataformas virtuais.

Exit mobile version