Site icon Crónica3.com A Mariña

José Tomé, reelixido por unanimidade Presidente do Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo

No Pleno da entidade celebrado esta mañá no Pazo de San Marcos tamén tomaron posesión os novos representantes dos Concellos e da Deputación de Lugo, cargos que se renovan en consecuencia das eleccións municipais celebradas en maio

Lugo, 7 de setembro de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, foi reelixido por unanimidade esta mañá Presidente do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento nunha sesión extraordinaria do Pleno da entidade, celebrada na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos.

Neste pleno tamén tomaron posesión a Deputada Pilar García Porto e o Vicepresidente, Efrén Castro Caloto, en representación da institución provincial. Ademais, formarán parte do Consorcio aqueles concellos da provincia que contan con parques de bombeiros. Hoxe asistiron polo Concello de Barreiros o tenente de Alcaldesa, Antonio Veiga; o primeiro tenente de Alcaldesa de Viveiro, Jesús Fernández; a rexedora de Vilalba, Elba Veleiro; e o rexedor de Chantada, Manuel Varela.

Pola súa parte, continúan os representantes da Xunta de Galicia, como Vicepresidente do Consorcio o Director Xeral de Emerxencia e Interior, Santiago Villanueva, e como membros o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o Subdirector Xeral de Seguridade e Coordinación, Andrés Iglesias.

Estes cargos de presidencia e vicepresidencia renóvanse cada vez que cambian os cargos dalgunha das administracións consorciadas. Neste caso, como consecuencia da celebración de eleccións municipais renóvanse os da Deputación e os dos concellos.

Nesta sesión tamén se acordou unha modificación do Orzamento de 1.058.852€ para a adquisición dun vehículo de altura que permita contar cun de reposición, e tamén para facer fronte ao incremento do custo das subministracións e servizos, así como para ter crédito para afrontar reparacións extraordinarias na maquinaria.

Exit mobile version