Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 40.000 persoas pasaron polas oficinas de turismo do Concello de Ribadeo durante os meses de xullo e agosto

Ribadeo, 1 de setembro de 2023. Máis de 40.000 persoas pasaron polas oficinas de turismo do Concello de Ribadeo durante os meses de xullo e agosto, acadando cifras de récord, segundo subliñou hoxe a edil Marta Saiz.

A concelleira de Turismo manifestou: “rematado o mes de agosto desde a Concellería de Turismo hónranos dicir que a oficina do centro da vila acadou cifras récord. Esta oficina abriu durante todos os días en horario de mañá e de tarde e ofreceu información a máis de 11.000 persoas, o que supuxo un incremento de máis de 1.600 consultas con respecto ao ano anterior. O punto de información turística da praia das Catedrais rexistrou máis de 15.600 consultas e as entradas para ver ese areal esgotáronse practicamente todos os días do mes”.

Marta Saiz contou que “segundo os datos rexistrados nestas oficinas, segue a tendencia á alza das persoas que pernoitan en Ribadeo. Despois de facer unha sondaxe entre os establecementos hoteleiros do concello, a ocupación neste mes de agosto acadou o 98%, tres puntos por riba con respecto ao ano pasado. Un 30% do total dos visitantes que recibimos durmiron en Ribadeo”.

No tocante ao turismo de procedencia estatal, Madrid segue a ser o principal emisor, representando o 27,21% na oficina do centro da vila xunto con Andalucía que pasa a segunda posición con 11,22%, seguido de Cataluña 11,20%, Euskadi 7,95% e C. Valenciana (7,59%). Produciuse unha pequena variación na orde de posición con respecto ao Punto de Información da Praia de as Catedrais sendo por orde de procedencia Madrid a primeira (31,66%) seguido de Cataluña (18,09%), Andalucía (13,13%) e C. Valenciana (8,32%).

A edil ribadense subliñou “o número de viaxeiros que nos chegan por mar e empregan os 21 amarres de tránsito dos que dispón o Real Club Náutico de Ribadeo. En agosto utilizaron estas prazas un total de 180 embarcacións, dos que un 80% proceden de Francia, Inglaterra e Holanda, mostrando deste xeito ese atractivo e calidade do porto ribadense. E sen lugar a dúbidas o Camiño de Santiago do Norte segue a ter tirón, foron moitos os peregrinos que pasaron polos albergues públicos e privados, segundo as informacións proporcionadas foron moitas as xornadas do mes de agosto nas que colgaron o cartel de completo”.

Saiz indicou: “destes datos concluímos que o Monumento Natural Praia de As Catedrais, o Camiño Norte de Santiago e o porto deportivo fannos cada día máis internacionais. Os encantos naturais e culturais de Ribadeo, xunto cunha ampla oferta de visitas guiadas, visitas teatralizadas, xeorutas, actividades culturais e deportivas programadas para todos os públicos, dinamizaron Ribadeo un ano máis, converténdoo de novo nun dos referentes turísticos da costa de Galicia”.

A concelleira de Turismo agradeceu “o traballo do persoal das oficinas de turismo, así como ao sector privado polo esforzo que leva realizando todos estes meses, entre todos e todas contribuímos a acadar un destino turístico de vangarda”.

Exit mobile version