Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo afirma que “cumpriu e segue a cumprir: Os nosos compromisos fanse realidade”

Ribadeo, 27 de setembro, 2023. O BNG de Ribadeo explica que “é unha organización seria e responsábel que se propón obxectivos realistas, realizábeis e que acaban facéndose realidade. Cando estabamos no goberno poñiamos máis atención en elaborar propostas que puideran chegar a bo porto que en prometer sen xeito nin traza. Eran tan realistas as nosas propostas, que aínda despois de ser relevados no goberno municipal estas acábanse materializando”.

“O PP de Ribadeo, estando na oposición, fartouse de dicir que non se fixeran as obras do carril bici cara ao faro por mor dun poste de luz. Mesmo chanceou a conta de dito poste dicindo que era mellor que non se realizara esa obra antes de retirar tal poste. Todo con tal de que o anterior goberno municipal non mostrara a súa capacidade de traballo. Pero o carril bici é unha realidade. E o poste xa foi eliminado. E como fomos intelixentes, no canto de nos deixar enlear polo mago Houdini da palabra trapalleira, levamos adiante o proxecto, aproveitamos o convenio coa Deputación, e logramos un novo éxito para a veciñanza ribadense. Claro que era mellor ter inaugurado dito carril bici sen o poste en cuestión, pero eran dous procesos distintos, que ao remate chegaron cada un á súa fin”.

“Por riba de tanto oportunismo, aínda anda agora o actual alcalde a apropiarse de logros do anterior goberno. Por moito que puxeran o berro no ceo por esta ou calquera outra actuación do anterior goberno do BNG de Ribadeo, Daniel Vega anda a botar man de todos os logros de dito goberno do BNG e fai como se foran cousas que se lle ocorreran a el e que el vai poñer en marcha”.

“No caso da reforma das instalacións do club de piragüismo “Altruán”, outra vez o señor Daniel Vega corre para poñerse medallas como se fora el o “gran conseguidor”. No canto de lograr que se concreten os investimentos que vai facer a Xunta en Ribadeo, todo son gabanzas de investimentos sen detallar por parte da Xunta para Ribadeo. O mesmo que criticaba a defensa do anterior goberno municipal da herdanza do doutor Moreda, e que conspiraba para entorpecer o éxito e a execución de dita herdanza, agora presume de que grazas ao filántropo ribadense e á Xunta (que segue sen especificar canto vai achegar para a reforma do Hospital Asilo) Ribadeo vai ter unha nova residencia para persoas maiores”.

“O mesmo que maquinaba entre os propietarios dos terreos próximos á praia das Catedrais, agora preséntanos a inigualábel e “inédita” idea de construír un estacionamento na contorna da praia de Augas Santas para lograr que a xente que visite dito areal se achegue despois a Ribadeo. Ignora o señor Vega o Plan Especial das Catedrais? É que quere facernos crer que con construír un estacionamento nas Catedrais xa está desenvolvido todo o Plan Especial? Deixe de lle lavar a cara á Xunta, señor Vega. Sempre anda a diluír as propostas serias para que semelle que, con facer tres ou catro cousiñas, xa está solucionado todo. Esixa xa á Xunta que se implique na realización do Plan Especial das Catedrais!”.

Mentres tanto, o BNG de Ribadeo, “seguirá negociando con distintos organismos a través dos seus representantes para lograrmos materializar vellos e novos proxectos que han de seguir facendo de Ribadeo un lugar atractivo con capacidade de xeración de riqueza e dinamización do tecido asociativo ribadense”.

Exit mobile version