Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo segue a dar pasos importantes no plan de recuperación integral da Atalaia

Destinaranse máis de 120.000 euros do remanente de tesourería para a demolición parcial do esqueleto, onde está proxectado o Centro Arqueolóxico da Mariña

Cervo, setembro de 2023. O Concello de Cervo investirá nos vindeiros meses algo máis de 400.000 euros -415.957,30 euros concretamente- froito dunha modificación de crédito que foi aprobada en pleno extraordinario.

As obras serán asumidas integramente con fondos propios froito do remanente de tesourería que presentan as arcas municipais –tal e como explica a rexedora, Dolores García Caramés- quen puxo de manifesto “a importancia dunha xestión seria e responsable dos cartos públicos para poder dar resposta con solvencia ás necesidades que se presentan no día a día das nosas parroquias, no día a día da nosa veciñanza”.

A alcaldesa sinalou que son todas elas obras necesarias que queremos acometer canto antes, “por iso axilizamos ao máximo os trámites administrativos”, pero destacou o importe que se reserva para continuar co ilusionante e bonito proxecto que estamos materializando xa na Atalaia –onde xa se está a executar unha praza pública no lugar onde estaba o edificio deshabitado-; e para o que agora vimos de reservar 120.239,12 euros destinados a demoler parte da estrutura do esqueleto, “para facilitar unha integración cos volumes das edificacións lindeiras de xeito que podamos conservar parcialmente a edificación para dedicala ao Centro Arqueolóxico da Mariña”.

Outras das actuación que imos levar a cabo os vindeiros meses a cargo do Remanente de tesourería son:

A pavimentación da Avenida de Galicia e a Rúa Xosé María Cao en Cervo, coa execución de beirarrúas onde sexa necesario, por un importe de 212.134,78 euros.

O mantemento e a reparación do pavimento no camiño que vai de “Verdellas” a “Saltos” en Gondrás, por un importe de 47.892,05 euros

A renovación do pavimento do camiño rural “A Salgueiriña”, en Figueirido-Daián, por un valor de 35.691,35 euros.

Exit mobile version