Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz renova o pavimento do patio da escola infantil A Galiña Azul, centro onde fará outras melloras

Foz, 2 de setembro de 2023. O Concello de Foz renovou o pavimento de caucho do patio da escola infantil A Galiña Azul, centro onde fará outras melloras.

O alcalde, Fran Cajoto, e a concelleira de Asuntos Sociais, Ana Rojo, visitaron xunto á directora da Galiña Azul a escola para supervisar a execución dos traballos de renovación do pavimento de caucho do patio.

A concelleira Ana Rojo explica que esta obra parte dunha demanda das nais e país, do equipo docente e da directora da Galiña Azul. “O chan de caucho atopábase en mal estado polo paso do tempo e era necesaria unha renovación, que acometeu o Concello. Tamén o peche perimetral presenta un deterioro importante e vaise renovar xunto ás proteccións dos postes e columnas. Está tamén previsto instalar un lavamáns, que xa foi subministrado, adaptado á estatura de nenas e nenos, para que poidan lavar as mans sen problemas antes e despois de comer. No anterior mandato proxectamos a obra, que se está a facer con cargo a fondos do Plan Único 2023 da Deputación de Lugo. Axustamos a execución da renovación do pavimento ao mes de agosto, para entorpecer o menos posible a actividade da escola”.

O Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e a Xunta de Galicia non aportaron fondos para estes traballos, asumidos por completo polo Concello de Foz con cargo a fondos do Plan Único da Deputación de Lugo.

O alcalde traslada que a obra continúa: “o luns vaise a renovar o peche do patio existente para que o martes 5, na xornada de portas abertas, xa se poda utilizar sen ningún problema. O proxecto contempla ampliar o espazo de xogo de 117 a 188 metros cadrados e este mes de setembro imos comezar estas obras de ampliación. Unhas obras que contemplan tamén humanizar a contorna da Sala Bahía, que vai pasar a ser unha praza con árbores e alumeado público. Queremos poñer en valor un edificio dotacional multiusos con tanta historia como é a Sala Bahía. Un espazo moi utilizado que acondicionamos o ano pasado e no que continuamos traballando neste exercicio coa urbanización exterior. Árbores, alumeado, reubicación dos contedores de lixo e pavimento de formigón impreso para unha zona que gaña en calidade de vida”.

Exit mobile version