Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz acusa ao goberno local de non preocuparse polos veciños e defender os intereses da empresa concesionaria do abastecemento

Javier Castiñeira afirma que hai por parte do goberno local hai un desprezo absoluto aos veciños de Foz e proba disto é a nefasta xestión do servizo da auga municipal, prolongando o problema no tempo sen dar as solucións que se precisan

Foz, 18 de setembro de 2023. Pasan as semanas e os veciños de Foz seguen sen poder usar a auga da traída sen que o goberno local teña unha preocupación real por solucionar a situación, xa que a única consigna que dan é que os veciños consuman auga embotellada.

O voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira, denuncia esta situación xa que ademais de supoñer un grave inconveniente para o día a día dos veciños, amosa un cambio de postura de PSOE e BNG, que “pasaron de pedir no seu día a municipalización do servizo e abastecemento de auga potable (cando estaban na oposición) a dicirlle agora a todos os veciños que deben consumir auga embotellada. Algo absolutamente incrible”, explicou.

Dende o PP de Foz seguimos con preocupación esta situación dende o primeiro intre, “escoitando e poñéndonos a disposición dos veciños”. “Seguimos moi preocupados porque non vemos unha preocupación real no alcalde por solucionar un problema grave que sufrimos todos, pero sobre todo autónomos e pequenos empresarios, como poden ser os hostaleiros”, sinalou.

Ante a falta de transparencia do goberno local, que segue sen aportar as respostas que todos queremos, dende o PP de Foz pediuse, de forma regulamentaria e como corresponde por lei, a celebración dun pleno extraordinario. “O señor Cajoto, que é o encargado de convocar ese pleno, está a esgotar os prazos para non dar as respostas que todos queremos”, denunciou.

A realidade é que o señor Cajoto está a facer público o argumentario que lle facilitaron dende a empresa concesionaria e así pensa que dá as explicacións oportunas. “Tanto el como o señor Fanego non están defendendo os intereses dos veciños”, criticou.

Para Javier Castiñeira “hai un desprezo absoluto aos veciños de Foz e proba disto é a nefasta xestión do servizo da auga municipal” tendo como mellor exemplo que “cando socialistas e nacionalistas estaban na bancada da oposición reclamaban a municipalización do servizo mentres que agora dinlle aos veciños que consuman auga embotella”.

Exit mobile version