Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acolleu unha mesa redonda sobre Xusto Moreda

Ribadeo, 24 de setembro, 2023. Este sábado 23 de setembro celebramos a mesa redonda dedicada á pintura de Xusto Moreda, así como ao autor. Nun acto ao que asistiron perto de 50 persoas, puidemos escoitar as semblanzas que sobre o pintor ribadense fixeron Myriam Goluboff, Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Celia Castro, nunha mesa redonda conducida por Pablo Villapol, xornalista ribadense que escribiu o texto que acompaña ao díptico que é ofrecido a cada visitante que acode a mirar os lenzos de Xusto Moreda á Sala de Exposicións do Parque de San Francisco.

Ao comezo puidemos contemplar unha presentación feita con diversos cadros pintados por Xusto Moreda, realizada por Celia Castro, o cal nos permitiu inrtoducirnos no contido da mesa redonda cunha lembranza visual do máis destacado da obra do pintor ribadense agora homenaxeado.

Posteriormente, Myriam Golubof destacou o lado máis humano e persoal do pintor ribadense, froito da súa convivencia con Xusto Moreda na cidade da Coruña. Pudio botar luz sobre aspectos vitais que influíron na obra do pintor ribadense.

Pola súa banda, Francisco Díaz-Fierros Viqueira analizou o tratamento da paisaxe feito por Xusto Moreda e integrouno no tratamento da paisaxe ribadense feito ao longo da historia recente de Ribadeo por Díaz Fierros e por Amando Suárez Couto, comparando o seu tratamento da paisaxe ribadense co levado a cabo por Xusto Moreda.

En canto á exposición de Celia Castro tivemos a ocasión de poder escoitar uns comentarios ben atinados sobre distintos lenzos de Xusto Moreda (tanto de cadros que están presentes na exposición, como doutros coñecidos a través de catálogos).

Como ben indicou o moderador ao rematar o acto, foron tres visións difernetes, pero moi complementarias, que nos permitiron facer unha imaxe de conxunto do legado pictórico de Xusto Moreda e comprender un pouquiño mías as claves do estilo desenvolvido por el.

Esta exposición e actos complementarios é posíbel grazas á colaboración da Deputación provincial de Lugo, Vicepresidencia (Área de Cultura), así como do Concello de Ribadeo. Pero especialmente é posíbel grazas ao interese que están a mostrar as veciñas e veciños de Ribadeo e concellos limítrofes que está respodnendo á nosa chamada á participación nesta homenaxe colectiva ao pintor ribadense Xusto Moreda.

Exit mobile version