Site icon Crónica3.com A Mariña

Un home falece tras ser sacado da auga inconsciente nunha praia de Barreiros

Barreiros, 17 Setembro, 2023. Uns surfistas, tras decatarse da situación, sacaron da auga ao varón ao que os servizos sanitarios, unha vez na area, trataron de reanimar sen que nada se puidera facer por salvarlle a vida.

Uns minutos antes da unha deste mediodía, varios particulares informaban ao 112 Galicia de que uns surfistas que se atopaban na praia, entre a da Gaivota e a de Coto, sacaran a un home da auga inconsciente.

Desde o 112 Galicia nada mais recibir a chamada dos alertadores, pasou aviso decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Do mesmo xeito informouse a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Garda Costas de Galicia e á Garda Civil. Sen embargo, tras tratar de reanimalo, os sanitarios nada puideron facer por salvarlle a vida.

Ata o lugar tamén acudiron os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, que, tras chegar ao punto comunicaron ao 112 que o home estaba falecido. Segundo indicaron, todo parece indicar que unha indisposición puido ser a causa do falecemento.

Exit mobile version