Site icon Crónica3.com A Mariña

“Xestión da auga na Mariña (II). As enchentes”, por Iván Rodríguez Lombardero

A maiores de secas máis frecuentes e prolongadas comentadas o pasado, a outra parte da prevista mediterranización do noso clima -máis perigosa para persoas e bens- son os episodios tamén máis frecuentes e intensos de precipitación de grandes cantidades de auga. Coma as secas, son tamén impredecibles agás cando estean moi próximos no tempo, e aínda así a previsión será máis ben no tempo ca no espazo. Quere isto dicir que convén estar preparadas antes de que veña a alerta, se queremos ter os nosos bens (edificacións, gando, maquinaria, vehículos, etc.) a salvo.

Podemos prepararnos porque se non sabemos cando sucederá, si podemos coñecer os lugares que as augas ocupan cando se producen as enchentes e ubicar fóra deles os bens vulnerables. A ordenación territorial ten entre os seus obxectivos delimitar os terreos previsiblemente afectados polas augas e é competencia dos Concellos realizar esa delimitación. Lamentablemente a obriga vén explicitada na normativa dun xeito singular: os responsables da ordenación deben empregar a cartografía oficial dispoñible sobre o risco de inundabilidade.

E na España -onde a xeoloxía sofre un desprezo secular- eses mapas non existen aínda para a maior parte do territorio co detalle preciso. Por exemplo, en Ribadeo as zonas delimitadas na cartografía de zonas de risco de asolagamento -pódense consultar na web do Ministerio de Medio Ambiente- inclúen só a contorna dos regos que baixan de Santa Cruz ó Mondigo cara ás praias. É rechamante que no caso do máis importantes deles, o de Vilaselán, a zona inundable desaparece cando chega á zona urbanizada do Vilar para reaparecer pasado o Voar. Mentres, non hai zonas inundables delimitadas no río Grande, onde vivimos as situacións máis perigosas hai case quince anos.

Pola outra banda, as cartografías baseadas na análise dos caudais dos ríos non analizan as inundacións por choiva directa sobre terreos impermeables. Isto é relevante porque en moitos concellos levamos décadas impermeabilizando as zonas verdes das vilas, impedindo que a choiva se infiltre e incrementando a escorrentía. Por este camiño axiña veremos choivas inundando vivendas e locais comerciais ou mesmo arrastrando algún vehículo cara á ría.

As estratexias para atallar estes riscos desde as autoridades locais son tres: 1) Delimitar as zonas inundables en cada concello. Non tendo persoal técnico, pódese comezar facendo enquisas para identificar os puntos nos que xa se produciron danos con anterioridade para sinalalos e analizar posibles solucións. 2) Incluír esas zonas nos Plans Xerais de Ordenación Urbana, restrinxindo os usos ou propoñendo medidas paliativas do risco, (as veces abonda a súa simple identificación: informar que unha zona é de risco de asolagamento permite que se adique pola súa propietaria a un uso menos vulnerable, ou poñer un letreiro nunha praza ou nun aparcadoiro inundable facilita que ante un aviso meteorolóxico poidan ser evacuados reducindo os danos). 3) Implicarse na defensa da correcta xestión do Dominio Público Hidráulico con formación, pedagoxía e cooperación. 4) Medidas estructurais coma a reserva no PXOM de zonas para a inundación a carón dos regos antes de que entren nas vilas, o deseño de zanxas de infiltración á saída dos regos do monte no rural, ou construir tanques de tormenta (“piscinas subterráneas” para acumulación temporal de auga de choiva), e manter zonas verdes e empregar pavimentos porosos nas zonas urbanas.

Esta última medida a maiores implicaría ademáis comezar coa necesaria separación de augas pluviais e fecais, reducindo a nosa achega á depuradora co custe que implica no noso recibo: Segundo a web de Augas de Galicia a depuradora de Ribadeo está a recibir case un 50% de auga por riba do seu caudal de deseño. Unha achega excesiva, malia as verteduras que saen á ría sen tratar cando se supera a capacidade das conducións na zona de Porcillán nas tormentas.

En resumo, coma no caso das secas, moito que facer tamén para prepararnos para eses episodios de choivas de intensidade record que sabemos con seguridade que virán cada vez máis no futuro.

Exit mobile version