Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación esixe á Xunta que retire a modificación lexislativa para instalar eólicos sen control prevista nos orzamentos de 2024, a iniciativa do BNG

Lugo, 31 de outubro, 2023. O BNG reclama á Xunta de Galicia “priorizar o trampeo e a actuación anticipada” e “fomentar a investigación” para controlar a praga da velutina. A demanda recóllese nunha proposta de goberno debatida e aprobada no pleno provincial deste martes.

Na exposición da proposta, o portavoz nacionalista e deputado de Medio Rural Daniel García sinalou que “as políticas da Xunta baseadas exclusivamente na retirada de niños é ineficiente” e criticou a falta dun criterio e unha planificación en actuacions preventivas. “Fai dous anos, era a Consellería do Medio Rural a que se encargaba a través das oficinas agrarias de distribuír as trampas e os atraentes na loita contra a velutina, agora son as entidades apícolas as encargadas da súa distribución, nas que recae todo o peso do control da praga”.

Fronte a isto, o portavoz nacionalista demandou “que se priorice o trampeo e a actuación anticipada sobre os niños primariso” e “se fomente a investigación sobre o ciclo biolóxico e comportamento da avespa asiátiva na Galiza”, e sostivo que “o trampeo e a captura das avespas velutinas nas fases máis sensibles do seu ciclo biolóxico debe ser unha necesidade de toda a sociedade, non śo dos apicultores”.

Daniel García remarcou tamén a necesidade de “axudas específicas para a prevención para minimizar as perdas de produción”, ademais de axudas polas perdas ocasionadas por esta especie. Sobre isto último, tal e como se recolle na proposta aprobada, pídese a Xunta de Galicia que “as baixas ocasionados pola vespa velutina non causen a perda de axudas á incorporación de persoas mozas á actividade agraria”.

Enerxía eólica

A iniciativa do BNG, a Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia que retire a modificación legal recollida na lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña ao orzamento 2024 e que prevé a declaración de interese público superior dos parques eólicos de competencia autonómica.

A formación nacionalista sacou adiante no pleno provincial – cos votos a favor do PSdG, e en contra do PPdG – unha moción que reclama ao goberno galego a retirada dunha proposta, que reduce os controis legais para a planificación, construción e explotación de parques eólicos.

O deputado e vicepresidente da Deputación Efrén Castro explicou que “ o PP quere colar no tempo de desconto e pola porta de atrás unha modificación lexislativa que permite as eléctricas instalar parques sin control e retira todas as competencias aos concellos”. “Se esta lei estivese vixente, a Serra do Oribio estaría coroada por muíños”, exemplificou sobre a falta de garantías á que aboca esta modificación legal.
O deputado nacionalista reclamou á Xunta de Galiza “unha planificación eólica seria, que respecto o medio ambiente a vida no rural e que repercuta na tarifa eléctrica e nos recursos para os concellos”.

Máis recursos contra a violencia machista

O BNG tamén trasladou ao pleno provincial a preocupación polo incremento de feminicidios en 2023 e polas últimas agresións sexuais denunciadas en Monforte ou Sarria en contextos de ocio nocturno.

A deputada Iria Castro remarcou que “a situación, que se dá ademais nun contexto socio-político de avance dos discursos machistas, debe facer saltar todas as alertas nas administracións públicas e levar á revisión dos mecanismos previstos para mellorar a prevención e a intervención, así como para concienciar á sociedade das consecuencias do patriarcado e da falsidade dos discursos que cuestionan a súa existencia”.

A deputada nacionalista incidiu neste aspecto durante o debate dunha moción que que insta á Xunta de Galicia a impulsar compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista.

A iniciativa, aprobada cos votos a favor do PSdG e a abstención do PPdeG, sinala especificamente a necesidade de “destinar o 1% do orzamento da Xunta a implementar as medidas pendentes da lei de prevención e tratamento da violencia de xénero de 2007, como a atención psicolóxica na atención primaria, e actualizar conforme ao IPC as prestacións periódicas ás vítimas.

Tamén demanda a aprobación dun programa de ampliación e extensión dos Centros de Información á Muller (CIM) e urxe a aprobación dun protocolo de prevención e intervención fronte agresións sexuais no marco do ocio nocturno, pendente desde comezos do verán.

Exit mobile version