Site icon Crónica3.com A Mariña

A UNED de Lugo inicia o curso académico apoiando a campaña de investigación en cancro da Asociación Española Contra o Cancro

Con motivo do Día mundial da investigación en cancro, a UNED de Lugo únese á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) para colaborar na súa campaña de fomento da investigación en España

Lugo, 3 de outubro, 2023. A UNED iniciou o curso cunha actividade de difusión de apoio á investigación en cancro. A directora do centro, Ana Traseira, e a presidenta da AECC en Lugo, María Luz Abella, inauguraron ás 10:30 da mañá o photocall de investigación. Así mesmo, ao longo da tarde, o alumnado que iniciaba o curso académico na universidade, achegouse para facerse unha fotografía de apoio á investigación compartíndoa en RRSS co hashtag #TodosContraElCáncer. Ademais, dende a AECC proporcionaron unhas pulseiras solidarias que os visitantes puideron adquirir contribuíndo, con este pequeno xesto económico, no apoio á igualdade de oportunidades e condicións para a investigación en España.

É importante transmitir que, a través desta nova campaña, a AECC quere informar á sociedade da importancia de mellorar as condicións e corrixir as desigualdades existentes entre os investigadores españois. Por este motivo, a AECC ten creado a maior convocatoria nacional de axudas á investigación de cancro, con 10 millóns de euros destinados a un proxecto que dea resposta ao reto de superar o 70% de supervivencia. Ademais, é preciso destacar que, no ano 2022, a Asociación na provincia de Lugo destinou un total de 146.644 € á investigación en cancro.

Así, con esta iniciativa, faise chegar á sociedade a ausencia dunha estratexia creadora de oportunidades ao tempo que se pon de manifesto a necesidade do financiamento económico aos novos talentos. Xa que, impulsar a investigación é garantir o acceso aos pacientes aos últimos avances en medicina, así como mellorar a súa supervivencia e calidade de vida.

Exit mobile version