Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta e o Concello de Ribadeo abordan melloras no centro de día público autonómico

Estúdanse novas intervencións no centro para executalas na primeira metade do vindeiro ano

Ribadeo, 6 de outubro de 2023. A Xunta de Galicia e o Concello de Ribadeo abordan actuacións de reforma no centro de día público de Ribadeo, co obxectivo de mellorar as condicións do inmoble e o benestar dos seus usuarios. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde do concello, Daniel Vega, visitaron hoxe este servizo, que está situado nun edificio singular de titularidade municipal e ao que acoden diariamente máis dunha vintena de persoas maiores.

A primeira destas actuacións consistirá na mellora da carpintería exterior do centro. Estes traballos realizaranse de maneira inmediata e suporán a substitución das portas de madeira de máis de sete metros de altura situadas na planta baixa do inmoble. Tamén se acometerán con carácter de urxencia pequenas reformas eléctricas na zona de lavandería. O Consorcio e o Concello de Ribadeo xa asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento desta intervención, á que o ente autonómico destinará máis de 17.600 euros.

Perfecto Rodríguez explicou que estas non serán as únicas melloras que se leven a cabo nesta construción de propiedade do Concello. Ao respecto, sinalou que os técnicos do ente autonómico e os municipais están a estudar as próximas intervencións, coa previsión de executalas na primeira metade do ano 2024.

Esta reformas neste inmoble que alberga o centro de día da Xunta e que é propiedade do Concello, terán lugar sete anos despois das últimas obras realizadas neste servizo de atención diúrna, cando se destinaron 48.000 euros a mellorar a climatización do centro coa instalación dunha bomba de calor.

O alcalde, Dani Vega, acompañou ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, na visita cursada ao centro de día A Concordia.

O rexedor subliñou que “seguimos xestionando, abrindo as portas á inversión, colaborando entre todas as administracións e vendo como Ribadeo avanza. Neste caso falamos dunha inversión de máis de 17.600 euros para modernizar e mellorar o centro de día A Concordia. Imos actuar substituíndo as vellas portas por unhas novas”.

Vega manifestou que “imos seguir investindo e solucionando problemas entre todos. Iso é no que está este goberno, no traballo continuo e na xestión para que Ribadeo medre. Pouco a pouco imos ir investindo para mellorar o centro de día A Concordia, ese centro de día que queremos, modernizado e seguir avanzando entre todos”.

Xunto ao alcalde, que realizou unha valoración moi positiva desta visita, estivo a concelleira de Benestar Social, Elena Sierra.

Exit mobile version