Site icon Crónica3.com A Mariña

Charla para a prevención do ictus, este xoves en Viveiro

A sesión informativa, organizada en colaboración con Afundación, terá lugar no Espazo+60 e enmárcase nun ciclo dedicado á sensibilización sobre o dano cerebral

Viveiro, 24 de outubro, 2023. A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e Afundación colaboran na organización dunha xeira de charlas para a sensibilización arredor do dano cerebral adquirido, unha discapacidade provocada, fundamentalmente, por ictus e traumatismos cranioencefálicos, que afecta a unhas 36.000 persoas en toda Galicia.

Trala boa acollida de público da edición pasada, ambas entidades volven sumar forzas coa programación de 10 sesións informativas sobre a casuística, dimensión e prevención do dano cerebral que se realizarán en diferentes vilas e cidades galegas.

En Viveiro a sesión será o xoves 26 de outubro ás 17.30h no Espazo+60 de Afundación (Avenida Mariña, 49), coincidindo coa conmemoración do Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido, que se celebra anualmente desde 2007 nesta data. Está dirixida a un dos colectivos de risco, as persoas maiores, polo que o seu contido centrarase na promoción de hábitos saudables, na detección de signos e síntomas de alarma e nas pautas de actuación en caso de sufrir dano cerebral, prestando especial atención ao ictus, primeira causa de discapacidade adquirida en España.

A actividade enmárcase na programación informativa e divulgativa que FEGADACE desenvolve con motivo do Día Nacional do Dano Cerebral co fin de contribuír a loitar contra o descoñecemento e a prevención desta súbita lesión cerebral, que adoita considerarse unha “epidemia silenciosa” pola dificultade para detectar as súas secuelas.

Para o seu desenvolvemento, ademais do apoio de Afundación, a Federación conta co financiamento da Consellería de Política Social dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda.

Modo de inscrición

As sesións están dirixidas a persoas de máis de 50 anos e, aínda que a asistencia é de balde, é preciso inscribirse previamente da seguinte maneira:

As persoas socias dos Espazos +60 poden anotarse no seu local de referencia.
As persoas que non son socias poden:
a) Cubrir o formulario de inscrición online: https://forms.gle/Qzif43CpsQiA5839A
b) Chamar ao 881 943 148.

Exit mobile version