Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG apoia a Feira do Mel do Valadouro

A actividade vinculada ao mel no Valadouro permite manter un rural vivo

A Mariña, sábado 14 de outubro 2023. Na mañá de hoxe, o deputado de Medio Rural da Deputación de Lugo, Daniel García xunto tamén co parlamentario mariñao Daniel Castro, o responsable comarcal do BNG Antonio Veiga, o tenenente alcalde do Valadouro Eduardo Chao, o concelleiro Eliseo Teijeiro, e varios cargos orgánicos e institucionais participaron da XXXVI edición da Feira do Mel do Valadouro e mantiveron conversas con produtores e produtoras.

Desde o BNG destacan o traballo desenvolvido polo sector do mel no Valadouro, e inciden en que as políticas para o medio rural tenen que ser estratéxicas “porque son pezas fundamentais para manter a producción de alimentos e aseguran o maior grao posible de soberanía alimentar e serven para avanzar na garantía dunha alimentación saudable para a sociedade, ao mesmo tempo que son parte dun proxecto de ordenación do territorio necesario para o conxunto do noso país” manifestou Daniel Castro.

O tenente alcalde Eduardo Chao e o deputado de Medio Rural da Deputación de Lugo, -entidade colaboradora con esta feira- Daniel García, valoraron “a importancia da Feira do Mel para poñer en valor o produto e dinamizar o concello”, e destacaron “a calidade do mel do Valadouro, con producción premiadas en prestixiosos certames”, remarcando tamén “a relevancia da actividade vinculada ao mel no Valadouro, como actividade produtiva e de conservación do territorio e da paisaxe”.

Niveis de renda dignos para a producción agraria

Os nacionalistas expuxeron tamén a necesidade de que no centro das políticas agrarias estean as persoas que viven no medio rural, nomeadamente as que traballan no sector agrario, para que obteñan niveis de renda, recoñecemento social e servizos que lles permitan vivir dignamente.

Destacaron tamén a importante labor que desde a concellería de Medio Rural que dirixe Eduardo Chao se está a facer nos últimos anos para potenciar a actividade agrícola e gandeira no Val, con numerosos eventos como a feira de razas autóctonas e diferentes mercados que celebran ao longo do ano.

Exit mobile version