Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG aposta desde Ribadeo por un medio rural vivo, onde o monte sexa fonte de riqueza sen risco para as persoas e o ecosistema

Un monte económicamente rendíbel non pode prescindir da súa ordenación; as persoas, as casas e o ecosistema teñen que estar protexidos para que a explotación forestal sexa viábel e cree riqueza

Ribadeo, 26 de outubro 2023. Na tarde de hoxe, o voceiro do BNG no concello de Ribadeo Pablo Vizoso Galdo, o deputado no Parlamento de Galiza Xosé Luis Rivas “Mini”, e o presidente dos Montes en Man Común de Vilaframil, Anxo Martíns Pérez, participaron nun acto público cos veciños desta parroquia de Ribadeo, e tamén doutros lugares da Mariña, falando da situación actual dos nosos montes e de como debemos actuar para que poidan ser unha fonte de recursos sen comprometer a seguridade das persoas nin a biodiversidade.

Case todos os montes privados de Vilaframil, e parte do monte comunal, arderon no terríbel incendio de hai uns días. Curiosamente, nesta parroquia houbo un intento (frustrado posteriormente polo Partido Popular) de constitución dunha UXFOR, unha unidade de xestión forestal en común dos montes privados, que, en palabras do presidente dos Montes en Man Común de Vilaframil, “con seguridade minimizaría os efectos do incendio, pois habería barreiras planificadas para cortar o lume”

A importancia das franxas de protección

Con respecto das faixas de protección das casas, Pablo Vizoso Galdo explicou que o anterior equipo de goberno do BNG en Ribadeo “puxo todo o seu empeño en que se cumprise a norma, unha norma que debía facer cumprir a Xunta de Galiza e que, curiosamente, o PP local criticou que se fixese. Agora todo o mundo coincide na necesidade da súa existencia”.

Necesidade dunha nova política forestal

O deputado Xosé Luis Rivas “Mini” insistiu na necesidade dunha nova política forestal e para o rural, tirar conclusións do que está pasando e adaptalas á nova realidade. “Un monte aproveitado e cultivado tamén necesita ordenación, máis que ningún outro. É un reto que debemos afrontar como país; non valen solucións ailladas”. Engadiu que ”resulta decepcionante ver como a un Conselleiro de Medio Rural, reunido cos alcaldes dos concellos afectados por este incendio só se lle ocorre falar, como grandes medidas, de ampliación de puntos de auga, de alargamento de pistas… ; algo que xa tiña que estar feito hai moito tempo sen ter que agardar a unha catástrofe deste tipo”

No acto de onte, onde se escoitaron as opinións e preocupacións das veciñas e veciños con intereses diversos neste sector, estiveron presentes tamén Daniel Castro García, parlamentario no Parlamento, Daniel García, deputado provincial, e Antonio Veiga Outeiro, responsábel comarcal.

Exit mobile version