Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo di que “non vai dar un paso atrás no seu labor de oposición por moito que Daniel Vega lle queira limitar os tempos de intervención nos plenos”

Ribadeo, 11 de outubro, 2023. O BNG explica que: “Neste pleno do martes 10 de outubro puidemos comprobar que Daniel Vega e o seu equipo de goberno están moi preocupados ao comprobaren que fronte a eles teñen un equipo sólido e disposto a cumprir co seu labor fiscalizador”.

“Despois dun pleno no que se abordaron distintas cuestións e no que o BNG realizou varias preguntas e rogos, Daniel Vega rematou o mesmo indicando que a partir de agora as normas de desenvolvemento dos plenos no Concello de Ribadeo ían ser doutro xeito: a oposición só vai poder realizar as preguntas, e o goberno responderá tanto tempo como considere oportuno. Unha breve intervención para réplica e de novo o goberno vai poder responder tanto tempo como volva estimar necesario. A fin de contas, facer autobombo canto estime o señor alcalde, e moi breve intervención por parte da oposición”.

“Coas preguntas que realizamos pretendemos comprobar como vai o gasto (descontrolado, di o ruxe ruxe). Desde o noso papel fiscalizador preguntamos por facturas que non se sabe moi ben como nin por que son cambiadas de partida orzamentaria. Que se pretende con esas modificacións? Tamén ocorre que cada vez son máis os gastos correntes (publicidade e propaganda) e que isto está a repercutir nos investimentos previstos”.

“Por riba diso, o señor Daniel Vega pérdese en fabulacións acerca de facturas que apareceron en caixóns e que, segundo el, son gastos que deixou sen pagar o anterior goberno. Acaso non aprendeu o noso alcalde que non hai tales facturas físicas? Non sabe que todo se tramita a través do programa “Xestiona”? Ou quere facernos parvos/as?”.

“Tamén demandamos información sobre os criterios seguidos desde o Concello de Ribadeo para seleccionar o persoal que atendeu os puntos lilás neste verán. E aí puidemos comprobar que, efectivamente, entre o persoal que o atendeu había persoas que non tiñan a debida formación (por moi voluntariosa que puidera ter sido a súa actitude). A concelleira Begoña Sanjurjo respondeu no pleno dicindo que si traballaran para o Concello, pero que non o fixeran para un punto lilá porque fora unha iniciativa deste novo goberno, que o anterior non puxera en marcha. Logo asúmese que non tiñan experiencia ao respecto. Todos e todas nós lembramos o ocorrido neste verán nalgunha noite de atención nos puntos lilás: nin estiveron abertos todo o tempo que debían, nin o ambiente que neles se desenvolveu foi o máis indicado para un posto de información e apoio a mulleres que puideran ter sufrido algún tipo de violencia sexual”.

“O señor Vega tamén tivo que responder ás nosas preguntas sobre a (segundo el) desaparición de restos arqueolóxicos e o telescopio na Casa da Ría. Coma sempre, aproveitou a ocasión para botarlle as culpas ao anterior goberno. Pero ante a nosa insistencia pedindo explicacións sobre o tema, agora o señor Vega di que xa non están desaparecidos, “a día de hoxe”. Ante a nosa insistencia acabamos por descubrir máis fume sobre o tema: deixa sen aclarar que pasou realmente no verán na Casa da Ría”.

“Xa por último, pero para nós un dos temas máis importante, Daniel Vega e o seu equipo de goberno son incapaces de explicar por que segue acumulando retrasos o comezo da reforma integral do Hospital Asilo. Xa van catro meses. Unha vez máis, o noso alcalde opta por botar balóns fóra culpando o anterior goberno de todos os males. Pero o tempo corre, e as obras seguen sen comezar. E a concreción da partida orzamentaria da Xunta para dedicar á reforma do Hospital asilo segue sen concretarse. Redúcese a unha vaga promesa por parte do señor Vega”.

“Non é de estrañar que queiran limitar o noso papel na oposición reducindo os tempos de intervención cando fagamos rogos e preguntas. Pero aí estaremos defendo ao pobo de Ribadeo e facendo chegar ao pleno as súas inquedanzas e pedindo solucións para os problemas que poidan aparecer”.

Exit mobile version