Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo mostra todo o seu apoio @s veciñ@s afectad@s polos lumes e reclama da Xunta máis medios e que aplique a súa propia lei de prevención e defensa contra os incendios forestais

Desde o BNG de Ribadeo “queremos mandar todo o apoio e ánimo nestes duros momentos aos nosos veciños, amigos e familiares afectados polos incendios e tamén aos de Trabada, Foz e o resto da comarca que nestes días sufriron esta lacra en primeira persoa ben perto das súas casas”.

“Queremos recoñecer e agradecer, así mesmo, o esforzo enorme feito por todo o persoal profesional (bombeiros forestais, axentes medioambientais, técnicos forestais e demais persoal de coordinación e apoio loxístico) e por todos os voluntarios e voluntarias que traballaron arreo para controlar o lume e poñerlle fin. Tanto a nivel particular como desde o mundo da empresa local, sumouse moita xente que loitou por preservar as súas casas, o noso monte. Para todos e todas recoñecemento e gratitude inmensos”.

“Nunha ocasión como esta non podemos deixar de lembrarlle á Xunta que debe facer máis esforzos en repoñer o persoal que poida estar de baixa: non é de recibo que chegue un vehículo todoterreo con tan só a cuarta parte do seu persoal porque a Xunta non cubriu as baixas do persoal que compoñía esa brigada. Por moito que dous traballen sen parar loitando contra o lume, nunca farán o mesmo que todo o persoal de dita brigada se estivese ben dotada. Pero hai quen só pensa en recortar medios, como na sanidade, como na administración en xeral. Pero á hora da verdade nótase a carencia de medios. Houbo ocasións, nesta fin de semana, que ocorreu o mesmo loitando contra o lume”.

“Pero o que máis nos chama a atención é a actitude dalgúns responsábeis políticos locais que sacaron peito presumindo do ben que fora todo, e que non houbera que lamentar desgrazas persoais cando, no seu momento, ben que criticaban ao anterior goberno municipal no seu empeño por aplicar a lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais para as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa. A ninguén se lle escapa que grazas ao mantemento en condicións das faixas de protección nesta ocasión non ocorreron desgrazas maiores. Ben o viron, por exemplo, na parroquia de Covelas, en concreto na Rúa: de non ter xestionado ben as súas faixas de protección, outro galo podería ter cantado eses días. Non é o mesmo ver un eucalipto de 25 metros cuspindo lapras (que acadan até os 30 ms.) á beira mesmo da casa, que velo a cincuenta metros da túa eira”.

“Cremos que é posíbel lograr un aproveitamento da masa forestal sen por iso poñer en perigo a seguridade da veciñanza. Coma sempre, se se planifica ben, se se aplica a lei, se se ordena axeitadamente o territorio, é posíbel compatibilizar a explotación do monte coa seguridade dos veciños e veciñas. Hai que querer. E hai que traballar ano tras ano, non só reaccionar con medidas puntuais cada vez que hai unha vaga de lumes”.

“Resulta ben curioso que, namentres o BNG de Ribadeo, a través da súa acción de goberno, impulsaba aplicar unha lei autonómica para prever os incendios forestais, había quen buscaba un pretexto tras doutro para sacar tallada política e intentar desgastar o labor do anterior goberno municipal, defendendo a inacción da Xunta do señor Feijoo e do señor Rueda. É unha inacción que agora se ve referendada pola súa negativa a comparecer no Parlamento de Galicia para explicar como se xestionou esta crise. Soñan con pedir contas aos demais, pero néganse a cumprir coa súa obriga como goberno: explicar que fan”.

“Coma sempre desde que tomou posesión do seu cargo, o señor Daniel Vega vive (politicamente falando) do traballo feito por outros. E aínda así, non é quen de evitar meter a zoca improvisando medidas para quedar ben. A que vén suspender o mercado dos domingos por mor dos incendios e despois deixar que se faga porque así llo pediron desde o sector? Hai que pensar coa cabeciña, señor Vega, non cos pes. Menos présa por quedar ben; máis sentidiño á hora de tomar decisións. Traizóano os seus nervios, e pódelle o afán de protagonismo”.

Exit mobile version