Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz recibe como donativo do profesor Pepe Otero os beneficios pola venda do seu último libro

Foz, 6 de outubro de 2023. En setembro do pasado ano 2022, o profesor Pepe Otero presentaba na Casa da Cultura o seu último libro, O mito da razón e outros relatos, acompañado polo ex director da Real Academia Española Darío Villanueva e do tamén profesor Ramón Reimunde. Este libro púxose á venda nas librerías de Foz (Bahía, Ofifoz e Rapadoira) e os beneficios destas vendas decidiu doalos ao Banco de Alimentos Municipal.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, veñen de recibir hoxe, venres, o donativo froito das vendas do libro, na cantidade de 1.200 euros, que “será destinado ao fin que o propio autor do libro pediu: algo tan importante como cubrir necesidades do Banco de Alimentos Municipal”. Alcalde e concelleira agradecen enormemente esta acción altruísta, que “parte do enxeño e reflexións dun profesor tan recoñecido en Foz como Pepe Otero e que reverte no beneficio da sociedade”.

No ano 2018 o profesor e filósofo Pepe Otero xa fixera unha doazón ao Concello coas vendas dunha publicación anterior.

Exit mobile version