Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro obtén o compromiso do conselleiro do mar e do presidente de Portos de Galicia para desbloquear varios proxectos importantes na vila

Viveiro, 30 de outubro de 2023. O Concello de Viveiro obtivo hoxe o compromiso do conselleiro do Mar da Xunta, Alfonso Villares, e do presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, para desbloquear varios proxectos importantes para a vila.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a tenente de alcaldesa, Miriam Bermúdez, solicitaron persoalmente en Santiago hai uns días unha reunión en Portos de Galicia tras varias cartas enviadas sen éxito.

Hoxe, Villares e Álvarez estiveron en Celeiro para visitar as obras realizadas na zona portuaria e na nave de redes, e posteriormente mantiveron o encontro con Loureiro e Bermúdez, ao que tamén asistiu o concelleiro do Mar, Jesús Fernández.
“Agradecemos a celeridade e a receptividade ás nosas demandas, xa que son temas importantes para os nosos veciños e veciñas”, explican María Loureiro e Miriam Bermúdez.

Entre os temas tratados, están os danos na rampa que da acceso á lámina de auga dende a ponte da Misericordia. Portos comprometeuse a manter a curto prazo unha reunión co servizo provincial de Costas e o concello para avaliar a situación e acometer a actuación necesaria.

Da reunión tamén saiu o compromiso de Portos para axilizar o informe que certifique a non existencia de actividade portuaria na ubicación do peirao, incluída a casa do gardapeiraos. Tamén na zona do Casino, en concreto na parcela do aparcadoiro e nas pistas que hai diante do edificio.

Axilizar a tramitación deste informe é imprescindible para conseguir o expediente de reversión desas zonas para darlles outros usos por parte do concello.

Por último, falouse da posibilidade de reorganizar o espazo que une Celeiro con Viveiro dende o porto deportivo, xa que se fai necesario organizar os usos por parte da veciñanza e a actividade portuaria, buscando sempre unha alternativa que permita garantir a seguridade da actividade portuaria, mais procurando que a solución non sexa tan invasiva estéticamente.

Exit mobile version