Site icon Crónica3.com A Mariña

O IV Plan de Igualdade de Ribadeo estará rematado a principios do vindeiro ano

Ribadeo, 10 de outubro de 2023. O Salón de Plenos do Concello de Ribadeo acolleu hai uns días unha xuntanza da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero. A sesión abordou cuestións como a presentación do novo Plan de Igualdade para Ribadeo.

A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, contou que “a directora de Coeduca, Pilar Porral, a Consultora encargada da elaboración do IV Plan de Igualdade, comentou que agora mesmo se atopa na fase de diagnose, que está a piques de concluír, e prevese que a elaboración do mesmo estea finalizada a principios do próximo ano, permitindo a implementación de medidas desde o inicio do mesmo”.

A edil ribadense describiu “a programación enfocada para a prevención e sensibilización contra a violencia de xénero prevista para este trimestre, con actividades dirixidas tanto aos centros de ensino como á poboación en xeral. É importante a colaboración dos diferentes axentes sociais presentes na mesa, que participen activamente nos distintos eventos e actividades programadas e que fagan propostas en nome dos organismos que representan. Para asegurar a participación de todas as asociacións convocarase en breve o Consello da Muller”.

Sanjurjo dixo que “as técnicas do Centro de Información á Muller (CIM) participaron a semana pasada nun Programa da Secretaria Xeral da Igualdade destinado ao impulso das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero”. E subliñou que “estas mesas locais son moi importantes, xa que son un recurso esencial na loita contra a violencia de xénero. A coordinación entre as diferentes institucións é fundamental para abordar este grave problema de maneira eficaz”.

Exit mobile version