Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento galego pide ao Goberno de España que axilice a reparación da estrada N-642, vía vertebral de comunicación para a Mariña

José Manuel Balseiro criticou que “o socavón da vergoña prolonga desde hai máis de oito meses o desvío do tráfico e seguen sen haber unha data oficial para o remate das obras”

Compostela, 4 de outubro de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide ao Goberno de España que axilice a obra de reparación da estrada N-642, vía vertebral para a comunicación dos concellos do litoral da Mariña lucense, de tal xeito que se finalicen con carácter de urxencia os traballos pendentes no treito afectado polo socavón aparecido no mes de xaneiro e se garanta a recuperación da circulación no conxunto desta estrada en condicións de normalidade, vialidade e seguridade.

O portavoz popular de Infraestruturas, José Manuel Balseiro, lamentou que “a falta de atención do Ministerio de Transportes do Goberno de Pedro Sánchez, sumado á falta de investimento en conservación e mantemento, ten convertido as estradas nacionais e as autovías estatais nunha sucesión de fochancas e de firmes deteriorados”.

“Un dos exemplos máis patentes é o socavón da vergoña, como o teñen bautizado os veciños, da estrada N-642, que prolonga por máis de oito mes o desvío do tráfico da principal vía de comunicación da Mariña lucense, logo do afundimento acontecido no mes de xaneiro”, sinalou.

SEN COÑECER AS CAUSAS DO AFUNDIMENTO

Na súa intervención, Balseiro criticou que “aínda non se deron detalles precisos sobre as causas do afundimento: o único que sabemos é que fallou o sistema de drenaxe, que se acumulou unha gran cantidade de auga baixo o firme e que tivo que ser retirada co apoio da Axencia Galega de Emerxencias”. “Pero non sabemos se esa incidencia debeu ser detectada e corrixida antes de producirse e tampouco sabemos se, ante a falta de inspección, outra situación así pode volver a darse noutros puntos das estradas da provincia ou, incluso, nesta mesma estrada”, apuntou.

Así mesmo, manifestou que “este itinerario non ten alternativa de circulación porque o Goberno de Pedro Sánchez non é capaz de avanzar na autovía da Mariña”. Neste sentido, lembrou que “nun primeiro momento habilitaron un itinerario alternativo por unha estrada provincial que non estaba preparada para asumir este tráfico, decisión que tiveron que rectificar habilitando un desvío pola zona próxima ao socavón, que tampouco ofrece as mellores garantías de seguridade e no que se provocan habitualmente atascos pola alta circulación de vehículos”.

O portavoz popular lamentou, por último, que “aínda non hai data oficial para o remate das obras da N-642”. “As obras van a ritmo de tartaruga e os traballos nese punto non evolucionan ao ritmo esperado”, criticou. Deste xeito, engadiu que “o propio Ministerio viuse obrigado a recoñecer a gran magnitude dos traballos pendentes por facer, como a construción de novos pozos de rexistro, a reparación dos colectores de drenaxe, a reconstrución dos terrapléns, tapar a escavación realizada e repoñer o treito de circulación”.

Exit mobile version