Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz advirte dun “novo incumprimento de Cajoto coa residencia de maiores: a empresa adxudicataria ten 86.000 euros pendentes de cobrar”

O voceiro do PP de Foz lembra que “o concurso debera estar xa resolto en decembro do 2022, pero aínda nolo presentou á corporación fai poucos días incumprindo o seu compromiso de reunirse co PP para redactar os pregos”

Foz, 2 de outubro de 2023. O voceiro do Grupo Municipal do PP de Foz, Javier Castiñeira, condena que “Cajoto volva poñer en risco tanto o servizo de coidado dos maiores na residencia de maiores coma o salario dos traballadores”. Así o sinala tras coñecer que “a empresa notificou novamente ao Concello que volva recuperar a senda dos pagos porque lle debe arredor de 86.000 euros correspondentes aos meses de xuño, xullo e agosto”.

“O alcalde incumpre sistematicamente coa empresa adxudicataria que, despois de varios meses de servizo extraordinario, se ve na obriga de volver reclamarlle ao Concello os seus pagos”, explica Castiñeira. O popular lamenta esta situación porque se da a pesar de que “o alcalde sabe que está pasando problemas económicos causados, precisamente, porque o propio Concello tampouco quixo aceptarlle os novos prezos pola realidade do covid-19”.

O voceiro do PP de Foz lembra que “o concurso debera estar xa resolto en decembro do 2022. E a pesar de que “se tiña comprometido a convocar ao Partido Popular para a elaboración dos pregos para sacar o servizo a concurso en condicións xustas e adaptado ás circunstancias, non o fixo. E aínda nolo presenta fai poucos días á corporación municipal”.

Castiñeira subliña “o incumprimento sistemático do rexedor coa residencia. Se engana todo o tempo aos veciños de Foz con este servizo tan importante, non nos podemos imaxinar o que fai diariamente”.

Exit mobile version