Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz di que “Cajoto gastou diñeiro do Festival Bal y Gay e dos fogos do San Lourenzo en eventos electoralistas coma o Comborecho”

A concelleira Verónica Soto lamenta “o desgoberno en materia de Cultura” que vai supoñer que “a xente que traballa nos fogos do San Lourenzo ou nun dos mellores festivais de Galicia teña que esperar para cobrar”

Foz, 4 de outubro de 2023. O PP de Foz condena que “Cajoto gastase cartos do Festival Bal y Gay ou dos fogos do San Lourenzo en eventos de carácter electoralista coma o Comborecho”, a 21ª Festa do Berberecho que decidiu celebrar en abril acompañada da actuación dunha recoñecida orquestra para a que non tiña contemplado orzamento porque “esta festa nunca tivo este carácter” e que supuxo un gasto de 20.000 euros.

“O desgoberno en Foz, especialmente na área de Cultura, é lamentable”. Así o manifestan os populares tras comprobar no último pleno no que “o equipo de goberno levaba a aprobación dun suplemento de crédito de 180.000 euros para tratar de paliar as deficiencias na xestión da concelleira”.

A concelleira Verónica Soto explica que “os 20.000 euros que usou para o Comborecho eran os que se debían usar para os fogos artificiais das festas do San Lourenzo que están sen pagar, a pesar de que se reserva unha partida nos orzamentos municipais”. Tamén se deixou de pagar a aportación que é habitual por parte do Concello ao Festival Bal y Gay.

“Este diñeiro debería estar previsto para apoiar a dous eventos de moito interese; pero, agora, toda a xente que fai un grandísimo traballo tanto no San Lourenzo coma no Festival Bal y Gay, un dos mellores de toda Galicia, terá que esperar un tempo máis para poder cobrar”, explica a popular.

Verónica Soto subliña “a mala xestión do goberno local que gasta os cartos en actuacións electoralistas e deixa sen partida para pagar aos provedores de dous eventos que deberían estar consignados no orzamento. O goberno do señor Cajoto vela polos seus intereses e deixa de lado os do Concello”.

Exit mobile version