Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro adía debatir a proposta da variante

Viveiro, 4 de outubro de 2023. O equipo de goberno do Concello de Viveiro levaba ao pleno de hoxe unha proposta na que instaba á Xunta de Galicia a realizar as xestións necesarias para a construción dunha vía de alta capacidade que enlace Viveiro co resto do territorio, pero retirouna a última hora e a defenderá no pleno de novembro pola negativa do PP a debatila.

O regulamento orgánico municipal recolle que cada grupo político pode levar unha moción a cada pleno, e tanto o goberno local como os servizos xurídicos do concello entendían que se cumpría a ratio con esta proposta e outra moción para que Viveiro sexa unha cidade Amiga da Infancia.

Sen embargo, o PP dirixiuse á Secretaria Municipal para argumentar que, ao seu entender, eran dúas iniciativas asinadas polo goberno local e se excedía a ratio autorizada para cada pleno.

Tanto a alcaldesa, María Loureiro, como a tenente de alcaldesa, Miriam Bermúdez, lamentan “a actitude do PP e a súa escasa vontade de buscar solucións aos problemas da veciñanza, non quixeron debatir hoxe este tema e buscaron unha excusa”. A proposta buscaba un acordo plenario para pedir á Xunta unha reunión urxente que axilizase o proxecto.

“Esta actitude non vai impedir que este goberno siga loitando por unha vía de alta capacidade tan necesaria para o futuro de Viveiro”, engaden.

Exit mobile version