Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro esixirá no pleno que o goberno local dea solucións aos reiterados problemas coa recollida do lixo

Mariña Gueimunde explica que no pasado pleno xa se pediron explicacións aos problemas coa recollida do lixo, advertindo dende o goberno local que se trataba de incidencias puntuais que, na realidade, se agravaron co paso das semanas nas rúas de Viveiro

Viveiro, 30 de outubro de 2023. Nas últimas semanas, os veciños e veciñas de Viveiro fixeron públicas e notorias as súas queixas polos problemas co servizo de recollida de lixo no municipio, que se agravou nos últimos días coa proliferación de depósitos descontrolados de residuos voluminosos na rúa.

A voceira popular, Mariña Gueimunde, recorda que por mor dos problemas deste servizo, no pleno do mes pasado xa presentamos un rogo para obter as explicacións oportunas sobre os problemas deste servizo, ao que o goberno local respondeu que “eran problemas puntuais”.

Unha situación que dende o goberno de María Loureiro aproveitaron para anunciar unha nova liña de colectores orgánicos adaptados xa á normativa europea, de cor marrón, “pero sen concretar os puntos nos que se colocarán, como se reorganizará o servizo de recollida, xa que este contedor non está incluído no contrato da actual empresa adxudicataria”.

Pero a realidade é que nos últimos días a situación empeorou. Mariña Gueimunde denuncia que a situación as rúas de Viveiro “é desoladora”. “Contedores, plásticos e restos de mobles e bolsas que desprende, en ocasións, un fedor desagradable” como ocorre na avenida García Dóriga.

Dende o Grupo Municipal do PP tamén insisten na necesidade de poñer en servizo os colectores soterrados da rúa Nicolás Cora, “na actualidade mesturados cos antigos de rodas e amontoados nas beirarrúas ofrecendo unha imaxe penosa e pouco saudable no lugar”.

Para os populares de Viveiro é urxente solucionar todos estes problemas e que o goberno de María Loureiro se tome en serio esta circunstancia que poden afectar á saúde dos viveirenses.

Exit mobile version