Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide á Deputación a creación dun Plan provincial de apoio aos Concellos para a xestión do ciclo da auga para evitar episodios como o de Foz no verán

Ameijide sinala que “o abastecemento de auga é un dos problemas aos que se teñen que enfrontar os Concellos como pasou este verán en Foz” e lembra que “é competencia da Deputación cooperar cos Concellos para garantir os servizos de competencia exclusiva municipal”

Lugo, 11 de outubro de 2023. Tendo en conta que “o abastecemento de auga vai ser un dos problemas aos que se teñan que enfrontar os Concellos nos vindeiros anos” e que “unha das competencias propias da Deputación é a de cooperar cos Concellos pequenos para garantir a prestación de servizos municipais”, o Grupo Provincial Popular pide á Deputación de Lugo un plan de apoio técnico, xurídico e económico aos Concellos pequenos para a xestión do ciclo da auga que conte, para o seu deseño, coa “participación dos alcaldes e alcaldesas que son os que mellor coñecen as necesidades de cada municipio. É preciso crear un equipo de traballo que poida asesorar aos para garantir o acceso e a calidade da auga”, sentencia o portavoz, Antonio Ameijide.

O popular condenou durante unha visita a Foz que “o goberno provincial do que forma parte o propio alcalde socialista mirase cara outro lado ante os gravísimos problemas para garantir o abastecemento domiciliario de auga potable este verán no municipio”. De feito, acompañado polo portavoz municipal, Javier Castiñeira, lembraron “os numerosos prexuízos que causou aos veciños e negocios, entre as que se atopan os establecementos de hostalería especialmente afectados por non dispoñer de auga potable en plena temporada alta durante semanas”.

Os populares inciden en que “a Deputación debe estar para algo máis que pagar as carreiras políticas dos socialistas” e lembran que “unha das súas funcións propias é a de colaborar cos Concellos á hora de garantir a prestación dun servizo básico como é o abastecemento de auga”.

Segundo a Lei Reguladora de Base do Réxime Local (LRBRL), son competencias propias das Deputacións (artigo 36.1):

a) a coordinación dos servizos municipais entre si para a garantía da prestación integral e adecuada na totalidade do territorio provincial dos servizos de competencia municipal
b) a asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos municipios, especialmente os de menor capacidade económica e de xestión.

É competencia municipal a prestación do servizo de abastecemento domiciliario de auga potable e a rede de sumidoiros que deben prestar en todo caso os Concellos segundo o artigo 26.1.a) da LRBRL que tamén recolle no seu artigo 26.2.b) que nos municipios con poboación inferior a 20.000 habitantes será a Deputación Provincial a que coordinará os servizos de abastecemento de auga potable a domicilio e evacuación e tratamento de augas residuais.

Polo tanto, piden implicación ao bigoberno provincial ante “os problemas de escaseza de auga que se están a dar nos últimos anos nalgúns Concellos da provincia durante os meses máis secos” e o esforzo que supón para as arcas municipais ter que dirixir cantidades importantes para garantir e manter tanto a captación, coma o abastecemento e, incluso, o tratamento tanto da auga dirixida ao consumo humano e animal coma das augas residuais. Máis especialmente en Concellos onde ven incrementada exponencialmente a súa poboación durante os meses de verán.

De feito, os deputados do PP lembran que ducias de Deputacións en toda España (Sevilla, A Coruña, Cidade Real, Pontevedra, Castellón, Alicante, Toledo, Ávila, Granada…) están tomando cartas no asunto e axudando aos municipios de menos de 20.000 habitantes con axudas que van desde investimentos directos no abastecemento ou saneamento, axudas á dixitalización, convenios de colaboración, asesoramento na xestión do ciclo da auga ou mesmo, en certos casos, ata asumir dende a propia Deputación a xestión directa do ciclo da auga.

PLAN PROVINCIAL DE APOIO Á XESTIÓN DO CICLO DA AUGA

Os deputados populares demandan, pois, “un plan provincial de apoio á xestión do ciclo integral da auga” que teña en conta as demandas dos alcaldes e alcaldesas. A este respecto, os populares propoñen “a creación dun equipo de traballo para asesorar aos Concellos e garantir o control das empresas xestoras do ciclo da auga ante a falta de profesionais e técnicos pertinentes nos municipios pequenos”.

É dicir, consideran necesario tanto o asesoramento técnico e xurídico, ademais do apoio económico aos Concellos de menos de 20.000 habitantes para dirixir ás accións que cada entidade local considere oportuna para garantir o abastecemento de auga: xa sexa mellorar as captacións, facer obras provisionais, desenvolver campañas de concienciación para racionalizar o consumo, dixitalizar o servizo de augas, monitorizar captacións e saneamento, previr fugas na rede… etc.”. Nese sentido, defenden a necesidade de reservar a esta finalidade “unha partida orzamentaria concreta e suficiente duns 3 millóns de euros anuais nos vindeiros anos, que supón menos do 3% do orzamento da Deputación e, polo tanto, consideramos unha cantidade razoable para afrontar un dos principais problemas que van ter os Concellos nos próximos anos”.

Exit mobile version