Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pon en valor un investimento “histórico” da Xunta que demostra a sensibilidade e compromiso do Goberno de Rueda “cun Lugo mellor nunha Galicia mellor”

Algunhas das iniciativas da Xunta precisan, para avanzar, do concurso doutras administracións como é o caso dos accesos ao Porto Seco, o novo centro de saúde do Sagrado Corazón en Lugo ou o VAC Costa Norte, polo que agardan o mesmo grado de compromiso co futuro da provincia

Lugo, 21 de outubro de 2023. Os deputados autonómicos do Partido Popular fixeron unha primeira valoración do contido dos orzamentos da Xunta para 2024 presumindo do “investimento histórico” que demostra a “sensibilidade e o compromiso” do Goberno que preside Alfonso Rueda para sentar as bases “dun Lugo mellor, nunha Galicia mellor”.

Nese senso, desde o PP poñen en valor unhas contas –as da administración autonómica para o ano próximo- que inclúen o maior gasto social da historia, invisten en estabilidade, consolidan os beneficios fiscais dos galegos, reforzan os servizos públicos e a mellora das infraestruturas, pensando no futuro. Un orzamentos deseñados para servir de apoio a familias e as empresas no actual contexto de alza de prezos.

Esta filosofía concrétase en partidas directas “con nomes e apelidos” a través das que a Xunta volve a facer de Lugo a provincia galega con maior investimento por habitante, ata o punto de que xa supera os 5.568 euros. Unha característica que se repite dende que goberna o Partido Popular na administración autonómica e que multiplica por 15 as consignacións da época do bipartito que só chegaban aos 374 euros por lucense”, explican os deputados lucenses do PP.

REVOLUCIÓN NO ÁMBITO SOCIAL
Os parlamentarios destacan tamén que o proxecto de Orzamentos do Goberno galego supón “unha revolución no ámbito social”. De feito, o presidente Rueda xa tiña anunciado bonos universais de axudas de coidados para os maiores e dependentes: o Bono Coidado no Fogar, para o que se reservan 100M€ e que habilitarán unha axuda de 5.000 euros ao ano para todas as persoas dependentes que reciben atención nas súas casas por parte dun familiar, dun veciño ou calquera outra persoa e o Bono Coidado en Residencia, a través do cal os dependentes conten cun apoio para ir á residencia da súa elección recibirán un complemento de 1.200 euros ao ano.

Estas e outras medidas -coma a gratuidade das escolas infantís ás que a Xunta dirixirá no 2024 para a provincia máis de 6M€- fan que os orzamentos en materia de Política Social ascendan en máis dun 20% na nosa provincia ata alcanzar os 172 M€, dos que 33,6 se dirixen ao funcionamento de centros públicos, preto de 31 M€ para o SAF, 13 en axudas de integración social e 5,9 a obras.

Tamén no ámbito social, pero vinculado á actividade física; a Xunta aposta polo Bono Deporte ao que dirixirá na nosa provincia máis de 1,6 M€ co obxectivo de fomentar unha vida saudable entre os rapaces e rapazas de Galicia. De feito, pretende axudar ás familias con fillos de entre 6 e 16 anos federados nalgunha disciplina deportiva nos gastos propios da súa práctica con ata un máximo de 120 euros.

Outro dos aspectos máis salientables son as apostas pola sanidade traducida en actuacións que superan o millón de euros para os Hospitais públicos da Mariña e de Monforte e para financiar os novos servizos que se veñen de implantar no Hospital Lucus Augusti, da capital provincial.

Sen esquecer que estas contas xa incorporan o pago dos salarios e das melloras salariais pactadas cos profesionais sanitarios, e dos principais servizos públicos que lembran son sostidos pola Xunta como son o profesorado de colexios, institutos e de escolas infantís, Casas Niño e Casas do Maior. Só o Sergas dispón de máis de 6.000 traballadores na provincia.

CONTINUIDADE E PROGRESO
Os proxectos concretos reflectidos nos orzamentos da Xunta para 2024 engádese a outras actuacións en execución ou xa rematadas como o primeiro Centro de Integral de Saúde de Galicia asentado no barrio da Residencia en Lugo, a ampliación do Hospital da Mariña, o desdobramento do primeiro treito do corredor entre Lugo e Sarria.

Os deputados destacan que “a Xunta presidida por Rueda cumpra coas actuacións ás que se comprometeu na nosa provincia, como demostran con distintas consignacións orzamentarias”. En materia de mobilidade, subliñan os 5,75 millóns de euros para a estación de autobuses da intermodal ou os preto de 15 millóns que Augas de Galicia prevé dirixir a actuacións nos municipios de Lugo; como, por exemplo, os 5,69 millóns para a Edar de Foz, 2,69 para melloras na rede de saneamento de Burela ou o 1,58 para a primeira fase da mellora en Monterroso.

O Goberno galego destina máis de 80 millóns de euros á nosa provincia en materia de infraestruturas viarias “priorizando o mantemento e conservación, labores para as que dirixe preto de 10 millóns de euros a conservación de estradas e outros elementos, vialidade invernal e reforzo do firme”. Tamén inclúe unha partida de 5 millóns de euros para a rolda leste na cidade de Lugo, 4 para a VAC Costa Norte e melloras AC-862, AC-556 e LU-540, 3 para a restitución da LU-651 en Folgoso do Courel e 2 para o acondicionamento da LU-231 no eixo Begonte-Friol-Palas, entre outras actuacións en vías autonómicas da provincia.

Os populares inciden en que “o Goberno galego amosa a súa vontade de avanzar en determinadas actuacións con partidas orzamentarias concretas que permitirían iniciar os proxectos para os que agarda o concurso doutras administracións”. Nese senso lembra proxectos como os accesos ao Porto Seco de Monforte, o novo centro de saúde no barrio lucense do Sagrado Corazón ou poder definir o trazado final da VAC Costa Norte, na variante de Viveiro.

ESTABILIDADE, GASTO SOCIAL E FOMENTO DO EMPREGO
As contas do Goberno galego para 2024 ascenden a 13.257 M€, sen recorrer ao endebedamento por primeira vez en 16 anos. Ademais, os populares destacan que “o proxecto de Orzamentos está pensado para garantir a estabilidade, atender ás persoas e fomentar o emprego”.

Precisamente nese eido, a administración autonómica dirixe á provincia 22 millóns de euros para formación a través de obradoiros de emprego e cursos de formación para desempregados (AFD) ou seguen apostando polo emprendemento sumando un novo Polo de Emprendemento que estará emprazado en Sarria aos que a Xunta xa puxo en marcha na Fonsagrada, Monforte, Mondoñedo e Friol.

A isto hai que engadir a consignación orzamentaria para impulsar os polígonos industriais, polo tanto máis oportunidades de actividade económica e emprego, nos parques das Gándaras (8,1M€) de Meira (780.000€), Palas de Rei (846.000€), O Corgo (518.162€), A Pontenova (440.000€), Xove (252.000€) ou a aposta decidida –unha anualidade máis- polo proxecto industria estratéxico de Rozas, con máis de 9,4 M€ reservados de cara o vindeiro exercicio orzamentario.

Exit mobile version