Site icon Crónica3.com A Mariña

Patricia Otero sobre a Lei do Litoral da Xunta: “Non poden defender a Constitución pola mañá e incumprila pola tarde”

Patricia Otero empraza á Xunta e PP a “volver á senda do diálogo” e tomar a “vía segura para obter a transferencia da ordenación do litoral para Galicia”

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2023. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, emprazou ao presidente da Xunta a “volver á senda do diálogo” e acadar unha “vía segura” para que Galicia obteña a transferencia da ordenación do litoral. A responsable socialista lembra que o propio Consello de Estado é o que alerta da inconstitucionalidade da Lei do Litoral do PP e advirte que “non poden defender a Constitución pola mañá e incumprila pola tarde”.

Otero esixiulle á Xunta que “respecten a legalidade e negocien co goberno para reclamar as competencias de modo correcto”, e sinalou que “teñen que sentarse a dialogar e falar” porque, engadiu, “hai unha vía segura para obter a transferencia de ordenación do litoral cara Galicia”. Alertou de que “están incumprindo claramente a Constitución”, tal e como sinala o Consello de Estado do que forman parte ex ministros do PP como Michavila ou Soraya Sáenz de Santamaría.

Advertiu que a “vía da unilateralidade” tomada pola Xunta “é unha mostra máis de que en realidade non lle importan nada as competencias” de Galicia, senón que “están a forzar a confrontación co goberno”, que é “a súa única arma política para agochar o desastre da súa xestión”. Reclamou “cordura e sentidiño” para “facer as cousas ben e garantir a seguridade xurídica”.

Otero explicou que a día de hoxe “ningunha instalación, ningunha empresa do sector mar – industria corre perigo pola normativa estatal”, xa que tódalas prórrogas de concesión solicitadas foron autorizadas polo goberno estatal.

Polo tanto, subliñou que “non están en risco os postos de emprego da cadea mar – industria da nosa Comunidade Autónoma”, e alertou das consecuencias da inseguridade xurídica que poden provocar PP e Xunta ao “xogar con lume e intentar cambiar as regras do xogo unlilateralmente”.

Exit mobile version