Site icon Crónica3.com A Mariña

Volta e Dálle propón unha xornada de memoria histórica este domingo no Vicedo

O Vicedo, 25 de outubro, 2023. “Sobre guerrilleiras silenciadas na Mariña”, Este é o título da conferencia co que a escritora e investigadora Aurora Marco comezará ás 16:30h a tarde adicada á Memoria Histórica que organiza a A.C. Volta e Dálle o vindeiro domingo día 29 no “TEATRO DAS CORTES” en Cabanas

Durante anos, para as guerrilleiras da chaira ou enlaces, que colaboraban en labores de intendencia, de loxística cos guerrilleiros, e para as do monte, que andaban na clandestinidade cos seus compañeiros de loita, só houbo silencio, esquecemento, incomprensión, xuizos morais, ao facelas pasar non só como bandoleiras senón tamén como as queridas, as amantes dos guerrilleiros. Elas non encaixaban no modelo ideal que preconizaba o franquismo, polas súas ideas, accións, por traspasaren as barreiras da domesticidade, por seren solidarias cos que andaban escapados, aos que estaban unidas por lazos familiares, amistosos, amorosos… O seu papel foi fundamental para a supervivencia do movemento guerrilleiro, como recoñeceron diferentes guerrilleiros.

Tras unhas consideracións xerais sobre a participación das mulleres nas dúas organizacións que operaron en Galiza na década dos 40 (a Federación de Guerrillas León-Galicia e o Exército Guerrilleiro), lembrarei tres guerrilleiras que foron primeiro enlaces e despois pasaron á clandestinidade: unha con Luís Trigo Chao Gardarríos, Antonia Díaz Pérez; as outras dúas, Josefa Escourido Cobo e Celia González Pernas, con varios membros da III Agrupación do Exército Guerrilleiro, que se movían por Ourol, Viveiro, Xermade, a serra do Xistral… Ningunha sobreviviu. Referirieme tamén a outras mulleres relacionadas con guerrilleiros, familiares ou non, sometidas a constante persecución, molestias, interrogatorios, que foron finalmente represaliadas.

Ás 18:30h a compañía de teatro Os Quinquilláns representarán A señora de Forcadela.

‘A señora de Forcadela’ e unha historia baseada na biografía da mestra Josefa García Segret, extensiva á outras mulleres represaliadas na Galiza a partir de xullo do 36: foi detida o 15 de agosto e na prisión de Tui salvou a vida grazas á axuda dun médico forense e dun doutor que aseguraron que estaba embarazada. Foi xulgada en Vigo por rebelión e condenada a pena de morte que se lle conmutou por cadea perpetua, e despois a 6 anos e un día.

En 1982, Josefa García Segret publicou un libro autobiográfico titulado ‘Abaixo as ditaduras’, editado por ela mesma, grazas ao que a día de hoxe se coñecen as súas vivencias. No libro explícase a vida dunha reclusa dunha maneira moi directa. Aínda que terminou a obra en 1976, a súa publicación —“polas circunstancias do momento”— tivo que agardar a 1982, catro anos antes da súa morte.

20:00h Actuación de A Quenlla

Rematará a xornada cun concerto de A Quenlla. O ano que ven celebrarán 40 anos de traxectoria, de compromiso coa música tradicional, e cos escritores e poetas do noso país.

Todas as actividades serán de balde. Están organizadas pola A.C. VOLTA E DÁLLE e contan co apoio da Deputación de Lugo (Cultura) e do Concello do Vicedo.

Exit mobile version