Site icon Crónica3.com A Mariña

A ‘Merluza D& Burela’ abriu as degustacións en Xantar

Burela, 2 de novembro, 2023. A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela e Armadores de Burela promocionan esta semana os seus produtos pesqueiros máis representativos na 24ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico “Xantar”, que se celebra en Ourense do 2 ao 5 de novembro.

A Merluza d& Burela abriu o programa de catas e degustacións dos produtos do mar “Galicida sabe Amar” da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

A sesión foi levada a cabo pola chef Emma Pinal (Gastrobar O Birrán, Ribadavia, Ourense) en colaboración con Criselda Iglesias (Tapería Lecer, Cangas do Morrazo, Pontevedra) e acompañada dos Viños D.O. Ribeiro; na que prepararon as receitas: “Merluza D& Burela lañada con vinagreta ecolóxica” e “Merluza D& Burela con salsa cítrica de Pataca de Galicia”.

O domingo a lonxa de Burela volverá ser protagonista, cun novo showcooking a cargo da chef Criselda Iglesias e a aportación de Armadores de Burela, onde o protagonista será o Bonito d& Burela, acompañado dos viños D.O. Monterrei.

Estas accións inclúense no plan de produción e comercialización da Organización de Produtores Pesqueiros Porto de Burela co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa; realízanse en colaboración con Armadores de Burela e están cofinanciadas por Xunta de Galicia e FEMPA.

Xantar é a única feira internacional de turismo gastronómico de España, celebra este ano a súa 24ª edición en Expourense e defende a calidade da gastronomía e o turismo sostible e saudable, fusionando tradición e innovación a través de exhibicións, catas, cociña en directo e moitas outras iniciativas que suceden do 2 ao 5 de novembro.

Exit mobile version