Site icon Crónica3.com A Mariña

Ameijide afirma que o PP non pode apoiar un orzamento provincial que baixa fondos aos concellos e sector primario

Os populares lamentan que “PSOE e BNG se neguen a instar ao Goberno de España a impulsar a liña de ancho métrico entre Ribadeo e Ferrol”

Lugo, 28 de novembro de 2023. O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, sinalou que “o PP non pode apoiar un orzamento que baixa fondos aos concellos e a sectores motores da provincia coma o primario ou o turismo”. Así mesmo, explicou que “Tomé mentiu no Parlamento de Galicia sobre o Plan Único da Deputación de Lugo. Dixo que se ía incrementar nun millón de euros, pero o millón non aparece”. De feito, a memoria dos orzamentos que é o documento oficial que se debate no Pleno, “recolle 21,5M€, a mesma cantidade que para este 2023”. Sobre este aspecto, Ameijide afeou a Efrén Castro que “nin sequera lera a páxina 1 da memoria dos orzamentos” e, polo tanto, “o descoñecemento do que vota. Aínda que o BNG vota a favor poñan o que lle poñan”.

O portavoz popular explicou durante o debate que “nos documentos reais de gastos dirixidos a Plan Único aparecen 11 M€”. Dende o Grupo do PP “imos ser xenerosos e contar con que incorporen o resto dos fondos ao longo do ano”, pero o certo é que “conxelan o Plan Único”. Incluso se finalmente contara cos 21,75M€, esa subida dun 1,16% é, “na práctica, unha conxelación tendo en conta a inflación”.

Ademais de conxelar o Plan Único, o popular subliñou que “o goberno da Deputación dirixe un 30% menos a cada veciño que as Deputacións galegas gobernadas polo PP”. Se temos en conta o que realmente acaba nos habitantes das provincias (atendendo ás poboacións ás que se dirixen), a Deputación da Coruña dirixe 45,08€/habitante; a de Pontevedra (que subiu un 9,5% o Plan Único) dirixe 84,89 €/habitante; a de Ourense 84,78 €/habitante (no seu primeiro ano de implantación) e a de Lugo, 65€/habitante… “unha cifra realmente mellorable”.

En materia de cooperación, “a realidade dos Concellos é, segundo os números do goberno provincial, que lles quitan un 12% en transferencias correntes e transferencias de capital: 2,9M€”. Ameijide considera que “en lugar de destinar cartos aos Concellos, pretenden destinalos ás carreiras políticas do PSOE como, por exemplo, o candidato á Xunta e negociador do pactos con vascos e cataláns que deixa facturas aos galegos”.

“Son uns orzamentos que carecen de consenso (porque Tomé non tivo a consideración de sentarse a falar de propostas e proxectos para a provincia co grupo maioritario da corporación provincial, como tampouco se senta a falar con alcaldes da maioría da provincia) e que demostran que é un goberno sen ilusión, sen ideas e o que é máis preocupante, sen proxecto”, manifestou. Así mesmo, sinalou Ameijide que “chegan tarde, mal e arrastro porque tiñan que presentarse ante o Pleno antes do 15 de outubro; pero parece que o bigoberno tivo que limar asperezas”.

NON ABREN RESIDENCIAS, RETIRAN FONDOS PARA VÍAS E NON APOIAN A SECTORES COMA O PRIMARIO OU O TURISMO

“Por moito que presuman non son uns orzamentos sociais. Non se vai abrir ningún centros de maiores máis porque non hai cartos para abrir máis centros. Nin sequera van abrir a residencia de Becerreá na que gastaron arredor de 4M€ de todos os veciños da provincia e que agora din que non é o seu modelo e non apostan por ela”, expuxo o popular.

Ameijide continuou dicindo que “tampouco apostan pola mobilidade. Retiran fondos ao mantemento de vías e, sobre todo, o investimento en novas vías. Herdaron a mellor rede de estradas de todas as Deputacións de España e non son capaces de mantela”.

O popular explicou que aumentan os gastos correntes porque “seguen privatizando absolutamente todo o que poden”, reducen apoio a sectores motor da provincia como a agricultura, gandería e pesca que contarán con 400.000 euros menos e conxelan ou baixan a información ou promoción turística”. Tamén “baixan as achegas a familias e institucións sen fins de lucro porque suben un 1,73%; pero cunha inflación que tivemos ao longo do ano dun 8% nalgún momento, na práctica, é unha baixada”.

En relación aos ingresos, Ameijide sinalou que “o goberno provincial prevé diminuír a recadación por licencias urbanísticas, IVA, etc.”. Son, polo tanto, “malas novas” porque “iso indica que non vai demasiado ben o futuro da provincia”.

E, falando de investimentos, o portavoz popular remarcou que “o goberno provincial non é capaz de executar nin a metade do orzamento do 2023” porque a súa propia previsión para o 31 de decembro é unha execución do 41% e o 52% con respecto aos capítulos 6 e 7, a metade do que dicían que ían executar no 2023”.

O Grupo Provincial Popular votou en contra destes orzamentos porque “non nos escoitaron, nin responderon á nosa petición de reunión. Non apoian o sector primario, nin o turístico, nin as estradas. Non cooperan cos Concellos, non suben o Plan Único un 30% como lles pedíamos. Non son o motor da provincia. Estes orzamentos conxelan o investimento da Deputación; pero, o que máis nos preocupa, é que conxelan o futuro da provincia de Lugo”, concluíu o portavoz.

APOIO A AVOGADOS E CAMPUS TERRA

O Grupo Provincial Popular amosou a súa satisfacción por sacar adiante por unanimidade unha reivindicación en beneficio do colectivo de avogados e procuradores que é de xustiza. Concretamente, coa proposta dos populares aprobouse instar ao Goberno do Estado España a promover modificacións normativas para permitir recuperar as achegas de avogados e procuradores ás mutualidades privadas con destino ao RETA.

Así mesmo, Ameijide subliñou o apoio do Grupo Provincial Popular a “garantir a pervivencia dos títulos, atraer novas titulacións competitivas e que sigan traendo xente ao Campus de Lugo. E seguiremos demandando que se garanta o futuro do Campus Terra con investimentos continuos” porque “o Partido Popular sempre estivo, está e estará a favor de calquera iniciativa que supoña defender a universidade en Lugo”.

FEVE

Os populares lamentan que “PSOE e BNG se neguen a instar ao Goberno de España a impulsar a liña de ancho métrico entre Ribadeo e Ferrol”. Socialistas e nacionalistas rexeitaron “pedir para Galicia as mesmas medidas compensatorias que o Goberno anunciou para Asturias e Cantabria para minimizar os prexuízos derivados do atraso na renovación dos trens; aprobar en tres meses un Plan de actuación para mellorar a calidade do servizo ferroviario e acompañar a necesaria modernización do material rodante na liña de ancho métrico entre Ferrol e Ribadeo co incremento de frecuencias que permitan atender adecuadamente a demanda de mobilidade dos usuarios”.

Exit mobile version