Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro apoia a recuperación dun Instituto de promoción do peixe semellante ao que fora eliminado polo PP en 2012

O candidato socialista á presidencia da Xunta aposta por aproveitar os fondos europeos para facer máis atractivo o traballo no mar e garantir o relevo xeracional diante da xubilación do 65 por cento das persoas embarcadas nun prazo de 10 anos

Vigo, 30 de novembro de 2023. O candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, apoiou hoxe o relanzamento por parte do Goberno de España dun ente para a difusión, divulgación e impulso do consumo de peixe semellante ao From, que fora eliminado polo PP. Así o dixo logo dunha xuntanza coa cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo -Arvi-.

O tamén deputado no Congreso subliñou que unha das propostas do novo goberno de Pedro Sánchez é precisamente recuperar un instituto semellante ao antigo Fondo de Recuperación, Regulación e Ordenación de Mercados -From-. Esta era unha das principais demandas do sector dende a súa disolución por parte do goberno de Mariano Rajoy en 2012.

Tamén defendeu a incorporación do peixe á política de prezos xustos xunto cos produtos tradicionais, coma o leite e a carne, “para que a xente consuma”, diante do cambio dos hábitos alimenticios. Apostou por “implicarnos decididamente na recuperación da cadea de valor do consumo do peixe tanto dende Galicia como dende o Estado.

Ademais da caída do consumo, tamén trataron o relevo xeracional na pesca, que en 10 anos verá como se xubilan o 65 por cento das persoas embarcadas. O candidato socialista á presidencia da Xunta aplaudiu as iniciativas do sector, sinaladamente de Arvi, para facer máis atractiva a actividade e garantir o relevo xeracional a través de iniciativas financiadas por fondos europeos e “prever con tempo como resolvemos esa situación”.

Fala de iniciativa da Xunta

Criticou a falla de iniciativa do goberno galego á hora de impulsar a presenza da pesca galega “non somentes na UE senón en todo o mundo”, e “para que Galicia sexa referencia e que vaia a máis e non a menos”. Contrastou o desleixo do goberno galego coa implicación do goberno do Estado e sinaladamente do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.

Subliñou a boa relación de Arvi co Ministerio, que ten recoñecido a Vigo como a capital da pesca europea, como puxo de manifesto o presidente da entidade, Javier Touza. Así o demostra a recente celebración do Consello de Ministros de Pesca da UE nesta cidade, ao que seguiu o Congreso Mundial anual da Nafo e a Mesa da Ciencia, así como o desenvolvemento de 10 proxectos con fondos Next Generation.

O candidato socialista salientou as “moi boas conexións, moi boa relación e sobre todo moi boa química á hora de solucionar problemas”, sinaladamente coa reorientación liderada polos socialistas a nivel nacional e galego para impulsar a transición enerxética en base a un crecemento intelixente e á aposta pola dixitalización.

No encontro de hoxe en Vigo tamén participaron o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o deputado no Congreso e ex delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades.

Exit mobile version