Site icon Crónica3.com A Mariña

“C’era un ragazzo che come me amava i Beatles e i Rolling Stones”, por Félix Jorquera

“C’era un ragazzo che come me amava i Beatles e i Rolling Stones”, é o título dunha canción de Gianni Morandi de 1966.

Trátase dun alegato pacifista, como moitas da época . A historia dun rapaz americano de pelo longo chamado á guerra do Vietnam. Unha banda sonora universal de música contra as armas.

57 anos máis tarde os Stones veñen de sacar un álbum excelente, lembrando que quen tivo, retivo. Facendo doado o que a moitos se lles enquista con 30 anos, parir boas cancións. Relambéndonos do gorentoso prato de rock das súas satánicas, os seus máximos “competidores” volven de novo á actualidade. A teima de Paul, a IA, e unha vella gravación de Lennon, sitúan de novo, como se o reloxo estivese parado en 1969, aos Beatles no número un con ‘Now and then’.

A expectativa era máxima. Antes do lanzamento, coñecemos a historia. Aquela melodía inacabada dun John caseiro. Un piano, unha voz, pouco máis. Unha cinta que Yoko (a sempiterna e inxustamente sinalada como culpable da súa disolución) entregou ao resto do grupo.

Si, os adiantos tecnolóxicos do presente fixeron posible a resurrección, malia que tan só por 4 minutos, dos Fab Four. E coa conta atrás rematada, doulle (dámoslle) ao play. Soa un intro suave e aparece esa voz inconfundible, resume dunha época que marcou a millóns de persoas en todo o mundo, brancos, negros, ricos, pobres, ateos, crentes… Si, as miragres (dixitais) existen. Temos novo tema dos Beatles, con dous deles baixo terra.

Emoción, nostalxia… toda unha serie de sensacións emerxen de súpeto cando a canción sigue soando. Si, son eles, soa Beatle polos 4 costais. Pecho os ollos e entendo porque cando era un pícaro quedei absorto diante da TV en branco e negro véndoos interpretar Twist and shout, ou unhas semanas máis tarde escoitando o Abbey Road que meu irmán maior trouxera a casa, e que comezou polo lado B, ou sexa, por Here comes the sun.

Volvín vivir esa maxia como millóns de persoas en toda a terra, pensando: “si, son eles, o seu feitizo segue presente”.

Se acaso, na actualidade en medio de tanta barbarie, estamos máis sensibles cara as emocións e para abrir portas a quen tenta humanizar, neste caso coa música por bandeira, propoñendo beleza para todos como idioma universal.

Si, son, fun e seguirei sendo beatle ata que morra.

Por cada bombardeo un Hey Jude, por cada atentado un Help, por cada odio un Something.

Exit mobile version